2023: volver remar tras a tormenta

10.01.2023. Reflexión de Margarita Hermo, directora da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF).

 

Vivimos desde fai tres anos inmersos nunha tormenta perfecta. Primeiro unha crise sanitaria global, despois unha guerra europea que para moitos era inimaxinable e a avalancha de consecuencias que provocou.

Ante esta situación, as empresas debemos facer fronte á inflación e ao aumento dos custos de produción. E todo nun mundo máis impredicible, no que non é posible realizar plans a longo prazo e no que debemos actuar de maneira máis áxil na toma de decisións certeiras que garantan o futuro das empresas.

O tecido empresarial galego está nun 90% integrado por empresas familiares. Un contexto que nos fai moi sensibles ás crises, pero moi resistentes no emprego. Todos os nosos estudos constátano: na crise de 2020, aínda que as empresas familiares reduciron nun 69% os seus beneficios e unha cuarta parte entrou en perdas, fomos capaces de manter o 96% do emprego. Nesa crise desapareceron 2.750 empresas en Galicia, un 3,3% do noso tecido empresarial.

Confío na capacidade das empresas e dos empresarios para sacar adiante os seus proxectos. E máis se se trata de empresas familiares, que levamos o compromiso coa nosa contorna e a resistencia no adn.

Estamos tamén ante a oportunidade de reflexionar sobre a dependencia que se xerou da globalidad e das producións afastadas. É momento de valorar a capacidade e know-how que temos para apostar pola produción propia e en proximidade. A chegada dos fondos europeos á economía real podería ser unha oportunidade para reimpulsarnos neste sentido.

Debemos ser realistas. O 2023 preocupa. Non só porque o FMI xa advertise de recesión pola caída simultánea das tres maiores economías mundiais (EEUU, China e UE), senón porque non estamos a ver chegar o apoio prometido á economía real. Galicia necesita proxectos tractores, industriais e moi centrados nas súas vantaxes competitivas: enerxías verdes (vento e auga, especialmente); madeira/téxtil; agroalimentaria (con forte apoio aos produtos pesqueiros, no que somos líderes europeos).

A pouco que se nos apoie, as empresas familiares galegas demostramos ser capaces de manter un tecido empresarial propio, como xa probamos nas crises 2008-14, en 2020 e en 2023? Tamén se se despexa a incerteza e o investimento público procedente da UE xoga o seu rol de estabilizador neste momento.