30 Dec 26 actividades de coñecemento da empresa familiar galega en 2015
21.12.2015
A Asociación Galega da Empresa Familiar desenvolveu durante o 2015 un total de 26 actividades baseadas no aumento da formación e do coñecemento dos seus empresarios, directivos e futuros directivos. Entre os encontros formativos destacan os realizados polo Forum Xoxes da Asociación, que mantivo xornadas de traballo con directivos do mundo financeiro, do sector do viño e as exposicións, con responsables da Axencia Tributaria sobre fiscalidade ou da Xunta sobre a situación actual e o futuro dos impostos de sucesións e doazóns.
A xunta directiva da Asociación Galega da Empresa Familiar centrou as súas actividades en encontros/coloquio con autoridades administrativas e outros empresarios familiares para debatir sobre a importancia da empresa familiar no desenvolvemento económico de Galicia.
No último dos encontros do ano, celebrado no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, indicou que “a Xunta vai seguir analizando con atención as propostas que proceden desta Asociación, porque é clave para Galicia. Aquí están as empresas, o tecido produtivo que naceu en Galicia, creceu en Galicia e que quere seguir estando en Galicia”.