437 alumnos en ‘Empresa familiar nas aulas’

15 de marzo de 2021. Un total de 437 alumnos de primaria, ESO e Bacharelato de 10 centros educativos galegos veñen de participar na primeira edición do programa Empresa familiar nas aulas, unha iniciativa da Asociación Galega da Empresa Familiar co apoio de Afundación para fomentar o emprendemento dos máis novos a través de charlas online de dez empresarios e empresarias familiares dalgunhas das compañías de propiedade familiar máis relevantes de Galicia e de visitas virtuais ás propias empresas: Aresa (Lugo), Congalsa, Gadisa, Espina y Delfín, Grupo Servicio Móvil (A Coruña), Lodiel, Terras Gauda, Babé&Cía (Pontevedra), Pérez Rumbao e Revi (Ourense).

Antón Fonseca, vicepresidente de Terras Gauda, Julio Iglesias, conselleiro delegado de Grupo Revi, e Emilio Lostalé, socio e fundador de Iglesias Panadería-Pastelería de Lodiel, explicaron a 100 alumnos de educación primaria dos colexios CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), CEIP Mestre Vide (Ourense) e Eduardo Pondal (Cangas do Morrazo), respectivamente, que é e como funciona unha empresa familiar, como dirixe unha compañía unha familia e como emprenderon e evolucionaron ao longo dos anos os negocios dos sectores vitivinícola, enerxético e inmobiliario.

Na educación secundaria, Carlota López Pardo, adxunta á dirección de Aresa; Julio Simarro, director comercial e de márketing de Congalsa; Pepe Castro, responsable do consello de familia de Grupo Servicio Móvil; Roberto Tojeiro, conselleiro delegado de Gadisa e presidente de Grupo Tojeiro; Óscar Rodríguez, administrador solidario de Espina y Delfín; Yago González-Babé, responsable de desenvolvemento de negocio de Babé Logística; e Joaquín Pérez Bellido, conselleiro delegado de Grupo Pérez Rumbao; profundizaron nos conceptos de empresa, modelo de negocio, produción ou exportacións que aprenden 337 estudantes de segundo ciclo de ESO e de Bacharelato dos centros Divino Maestro (Lugo), CPR Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela), IES Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez), IES Francisco Aguiar (As Mariñas), San José de Cluny (Santiago de Compostela) e CPR Salesianos (Ourense); aos que tamén responderon numerosas cuestións sobre as opcións profesionais da empresa familiar en Galicia.

Os alumnos e alumnas participantes na I edición de Empresa familiar nas aulas finalizaron o programa co concurso “Imaxina a túa empresa”, no que presentaron, en equipos de traballo liderados polo persoal docente de cada centro educativo, o proxecto da súa empresa ideal, independentemente da súa viabilidade económica. Un xurado formado por membros da Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación, Obra Social Abanca, escollerá e dará a coñecer o equipo gañador no mes de abril.

Aínda que 6 de cada 10 galegos consideran que emprender é unha boa opción profesional, Galicia sitúase por debaixo da media estatal en empredemento, e un 30% de expertos consultados inciden na falta de formación en actividades emprendedoras como un dos principais obstáculos para o emprendemento na comunidade.