20 Feb 5 consellos para soster unha empresa Transmitir a cultura, preparar o plan de sucesión ou profesionalizarse, recomendacións de Agef no foro 100 Consejos
20 de febreiro de 2019. Transmitir a cultura, preparar o plan de sucesión, profesionalizarse, asociarse con foros de influencia na zona e internacionalizarse (ben, se non, non), son as cinco recomendacións básicas da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) para conseguir que una empresa perdure e sexa sostible no tempo. O presidente da organización, Víctor Nogueira, interveu hoxe como invitado especial no foro 100 Consejos para Galicia, que recolle casos e experiencias de empresas de éxito para compartir e debatir con máis de 100 profesionais e directivos que asistiron ao acto en Santiago de Compostela.
“Galicia, historicamente, case non atrae investimento estranxeiro: un 0,7% de media do que entra en España nos últimos anos. Iso fai aínda máis importante manter e protexer o tecido produtivo propio que, pola contra, ten o mérito de medrar con exportacións e internacionalización”, subliñou Víctor Nogueira.
O empresario galego expuxo a fondo a importancia de establecer un protocolo de sucesión, mais especialmente de comunicalo a todos os empregados e clientes da empresa, “non só como unha forma de transparencia, senón tamén pola importancia que ten como sinal de compromiso, de sostibilidade e prolongación da empresa máis aló dos seus actuais reitores”.