700 mozos aprenden a emprender da mán de 17 empresas familiares galegas

31.01.2023. III EDICIÓN EMPRESA FAMILIAR GALEGA NAS AULAS

 

Un total de 700 mozos e mozas da educación secundaria (ESO), bacharelato e formación profesional (FP) de 17 centros educativos de toda Galicia participan no programa Empresa Familiar nas aulas. A iniciativa está impulsada pola Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) e  Afundación, a Obra Social de ABANCA. Trátase da terceira edición do proxecto educativo que persigue fomentar o emprendemento e o acercamento dos rapaces galegos ás empresas da comunidade. En tres anos, o plan xa ten duplicado o número de estudantes e centros educativos que participan no seu desenvolvemento.

Empresa Familiar nas aulas  fomenta o emprendemento da mocidade a través de faladoiros con 17 empresarias e empresarios familiares dalgunhas das compañías de propiedade familiar máis relevantes de Galicia. No programa deste ano participan os máximos responsables das empresas Lence, Cafés Candelas, Lodiel, Pérez Rumbao, Babé y Cía, Severiano Servicios Móviles, Congalsa, Altia, Aluminios Cortizo, Terras Gauda, Revi, Jealsa, Nogar, Aresa, Aceites Abril, Regueira e Galuresa. O proxecto inclúe visitas das rapazas e rapaces ás empresas e a participación no concurso Imaxina a túa Empresa.

O concurso escolar Imaxina a túa empresa permite ao alumnado enrolarse nun traballo de creación dunha nova empresa en Galicia de calquera sector ou actividade económica, no que deben incluír a idea, un breve plan de negocio e obxectivos da nova compañía. Nas anteriores edicións foron galardoados alumnos de 4º da ESO de San José Cluny (Santiago de Compostela) e o alumnado de 1º de bacharelato do centro Divina Pastora (Ourense) polas iniciativas de creación dunha empresa que xera enerxía a partir de facer exercicio na casa e de creación dun podcast sobre saúde mental para xerar espazos seguros para a mocidade, respectivamente.

O obxectivo do programa é reforzar a educación emprendedora e fomentar as vocacións nos escolares, así como potenciar os valores das empresas familiares, que representan o 92,4% do tecido empresarial de Galicia e dan emprego directo a 390.000 persoas. Empresa Familiar nas aulas tamén serve para orientar á mocidade sobre o seu futuro laboral, dando a coñecer as oportunidades que ofrece a FP e o emprendemento como opcións de emprego e autoemprego.

Galicia, entre as autonomías con menor emprendemento

Galicia está entre os territorios con menor actividade emprendedora de España, situándose como no 11ª comunidade de 17 según datos do informe executivo do Global Entrepreneurship Monitor Galicia (GEM Galicia) 2020-2021. A educación e a formación están entre os principais elementos sinalados polos expertos no estudo elaborado por GEM Galicia para reverter a situación, xunto co apoio financeiro e as políticas públicas.

“Abrir a porta das grandes empresas da contorna e coas que conviven a diario é clave para que poidan coñecelas e aprender do seu funcionamento. Só así podemos impulsar a educación empresarial e garantir tamén o legado do emprendedorismo, xerme das empresas familiares do futuro” explica Víctor Nogueira, presidente das empresas familiares galegas.

Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, destaca: “o programa reforza o desenvolvemento dunha cultura emprendedora entre os máis novos e pon en valor a importancia da empresa familiar como xeradora de emprego e riqueza no seu territorio. Un feito que enlaza directamente coa misión de Afundación”.