24 Nov 80 directivos no V Foro de Conselleiros APD-AGEF de empresas familiares
24 de novembro de 2021. Oitenta directivos e conselleiros de empresas familiares galegas participaron esta mañá no V Foro de Conselleiros organizado por APD Noroeste e a Asociación Galega da Empresa Familiar, celebrado en Santiago de Compostela. Os participantes centraron o encontro en debater sobre as novas estratexias de sustentabilidade e dixitalización.
O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, destacou que “é bo momento para tomar decisións e agardar a colaboración das administracións públicas para evitar que a chegada dos fondos europeos xere máis burocracia, máis intervencionismo”. Nogueira indicou que “un país máis competitivo recadará máis fiscalmente”.
O certame contou coa participación de prestixiosos panelistas. O que segue é un resumo das súas propostas.
Roberto Tojeiro (vicepresidente zona noroeste APD e presidente e conselleiro delegado de Gadisa). “Estamos ante un cambio de paradigma: quen inflúe nas nosas organizacións venos de maneira distinta, buscan empresas responsables e sustentables”.
Mónica Cascallar (directora innovación Congalsa). “Hoxe o consumidor é dixital. Xa está. Polo tanto a empresa debe ser dixital, porque todos os nativos dixitais son os que van consumir os nosos produtos”.
Juan Díaz Arnau (vicepresidente de Intasa). “O concepto de sector cambiou coa dixitalización porque a tecnoloxía permite conectar a empresas de distintos sectores. Por iso é mellor falar de ecosistema”.
Francisco Uría (Banking&Capital Markets Global Head, socio responsable do sector financeiro en España de KPMG). “Debemos ser concientes de que, dende hai 10 anos vivimos nunha situación artificial, co BCE inxectando fondos e a tipos cero. Temos tempo para facer reformas, 2 ou 3 anos, pero temos que aproveitar o tempo”.
Mónica Chao (directora sustentabilidade Ikea). “A sustentabilidade é unha cuestión técnica que ten que estar sobre a mesa das decisións de todas as pemes”.
Silvia Iranzo (presidenta sustentabilidade Indra): “O propósito empresarial, a responsabilidade de proporcionar benestar á sociedade, cotiza no financiamento e nos investimentos”.
Xoán Martínez (conselleiro delegado Kaleido). “Podemos captar a grandes profesionais a Kaleido grazas á nosa competitividade en sustentabilidade, á nosa conciliación e flexibilidad laboral”.
Miguel Corgos (conselleiro de Facenda de Galicia). “A Xunta baixará en 2022 o IRPF aos galegos. Se as administracións deixamos máis diñeiro en mans do cidadán, consome máis, favorécese o emprego, reactívase a economía e recádase máis”.