A Agef esixe medidas inmediatas ante a folga do transporte

23.03.2022A Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef), integrada por 58 empresas con sede social en Galicia, dirixiu o pasado mércores unha carta ao presidente do Goberno Pedro Sánchez.

Na carta a Asociación Galega da Empresa Familiar expuxo como as empresas se ven afectadas pola folga do transporte derivada do conflito en Ucraína, xa que é unha comunidade que depende do transporte de mercadorías por estrada.

“Portos onde non se pode descargar o peixe, polígonos asediados por piquetes que non permiten nin entrar nin saír mercadorías, granxas desabastecidas de alimento para os seus animais, empresas que non reciben auxiliares e teñen que enviar á súa xente a casa…”, explicou a AGEF.

Os empresarios subliñaron que urxen tomar medidas, pero non a medio ou longo prazo, senón que teñen que ser inmediatas como fixeron países veciños como Portugal ou Francia. Propuxeron a baixada do prezo do combustible e axudas directas ou redución dos impostos asociados aos carburantes.

“Un tsunami económico con peches de empresas está a piques de producirse. A inmensa maioría das nosas empresas, en todos os sectores, están a sufrir enormes perdas de facturación e, o que é peor, perdas para sempre de produtos perecedoiros”, indicou a asociación.

Desde a Asociación Galega da Empresa Familiar instan a que o Goberno articule as medidas necesarias e urxentes nun tema transcendental como este e póñase fin a esta folga de transporte que tan graves prexuízos está causado ao tecido empresarial galego.