A Cátedra da Empresa Familiar da UVigo, renovada

18 de outubro de 2019. A Universidade de Vigo (UVigo) asinou hoxe un convenio coa Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef), Inditex e o Instituto de Empresa Familiar para renovar a súa Cátedra de Empresa Familiar, un acordo que contempla o reforzo da difusión do coñecemento das compañías de propiedade familiar e a promoción do emprendemento entre os novos empresarios.

A Asociación Galega da Empresa Familiar, pola súa parte, porá en marcha o programa A empresa familiar nas aulas en centros educativos de primaria e secundaria para a divulgación da importancia das compañías de propiedade familiar.

“Este convenio é un exemplo da colaboración entre a empresa e a universidad galegas e supón un paso máis para a difusión da empresa familiar como elemento de desenvolvemento económico e social de Galicia”, sinalou o presidente de Agef, Víctor Nogueira.

“O apoio da Asociación Galega da Empresa Familiar ás cátedras das universidades galegas é exemplar e non o fai ningunha outra asociación territorial”, explicou o catedrático Santiago Lago, quen salientou que a UVigo cordinará as tres cátedras das tres universidades galegas.

A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo estará codirixida polos docentes Santiago Lago e Elena Rivo, investigadora do departamento de Organización de Empresas e Márketing da institución educativa, contará cunha financiación de 25.000 euros anuais –durante catro anos– e incluirá a creación dun fondo bibliográfico e documental sobre materias e disciplinas específicas en torno á empresa familiar; ademais de seminarios, conferencias e outras actividades orientadas a fomentar reflexións e debates que melloren o coñecemento sobre as empresas familiares.