01 Feb A Cátedra de Vigo entre as cabeceiras máis prestixiosas do mundo
1.02.2022. As revistas Journal Of Family Business Management e Sustainability, dúas das publicacións máis importantes do mundo sobre a contorna empresarial e as empresas familiares, publicaron recentemente cinco artigos asinados pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, dirixida por Santiago Lago e Elena Rivo.
Ademais de Rivo e Lago, os textos –que están dispoñibles na páxina web das cátedras– foron elaborados polos doutores Katiuska Cabrera, Miguel Michinel, Mónica Villanueva, Francisco Reyes, Guillermo Suárez e Alberto Vaquero.
A xestión patrimonial e a figura da family office, as medidas en materia de responsabilidade social corporativa das empresas familiares dende o impacto da Covid-19 ou a contribución da empresa familiar á estabilidade laboral, tanto en tempos de bonanza como en épocas de crise, son as principais temáticas dos textos publicados por ambas cabeceiras durante 2020 e 2021.
As Cátedras da Empresa Familiar en Galicia, integradas nas tres universidades galegas, buscan promover a investigación e o coñecemento das empresas familiares e as súas problemáticas a través do establecemento de sinerxias entre o mundo académico e empresarial. Contan co apoio da Asociación Galega da Empresa Familiar, o Instituto da Empresa Familiar e Inditex, e están integradas na Rede de Cátedras de Empresa Familiar.