27 Mai “A ciberseguridade é común a todas as empresas”
27 de maio de 2021. A industria da ciberdelincuencia vén de converterse na terceira economía do mundo, un problema que se incrementou co impacto da pandemia e que non discrimina a ningunha empresa polo seu tamaño, polo que as compañías deben actuar unidas contra os ciberataques. “A ciberseguridade é un elemento común a todas as empresas. Todos os tamaños de empresa de todas as industrias son vítimas dos mesmos tipos de ataques”, sinalou Xabier Mitxelena, Managing Director Iberia Security Lead en Accenture e presidente da Asociación de Industrias de Ciberseguridade do País Vasco, durante un coloquio organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e Vodafone Business.
“Se traballas con partners e proveedores que non teñen na ciberseguridade un dos seus activos, probablemente os investimentos que fixeches non vallan para nada”, engadiu o experto, asegurando que tomar medidas como medir o risco das empresas ou investir en formación en ciberseguridade aporta ás compañías “un elemento de competitividade”.
Mitxelena observou que, a raíz da incidencia da Covid-19, a conciencia de ciberseguridade de empresas e cidadanía “está medrando”, e remarcou a importancia da formación no bo uso da tecnoloxía e da información “para construír, con colaboración público-privada, un futuro realmente confiable”.
Carlos Becker, director de segmento Corporate e APP de Vodafone Business, destacou, pola súa parte, a relevancia de investir en ciberseguridade para poder transformar a tecnoloxía. “Temos que tomar todas as medidas para protexer e dar soporte aos usuarios e traballadores e protexer o negocio”, indicou, e mencionou ferramentas como detectar riscos e ameazas e habilitar un teletraballo e dixitalización seguros.