A empresa familiar agarda manter o emprego en 2021

A empresa familiar agarda manter o emprego en 2021

26 de outubro de 2020. O 63% dos empresarios familiares ten previsto manter os niveis de emprego actuais en 2021, malia que o 53% non canta con recuperar a facturación perdida pola crise do coronavirus ata 2022. Así o reflicte a enquisa realizada no marco do XXIII Congreso Nacional de Empresa Familiar, organizado polo Instituto de Empresa Familiar e celebrado por primeira vez telematicamente, coa participación dun milleiro de profesionais da empresa, entre eles, representantes da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef).

“O XXIII Congreso Nacional de Empresa Familiar volve poñer de manifesto que as empresas familiares somos unha garantía de emprego e riqueza, tamén en tempos difíciles como o actual. E isto ocorre moi especialmente en Galicia, onde somos o 92% do tecido empresarial e xeramos preto de 400.000 empregos directos. Mais para ser un motor de recuperación precisamos máis apoio, reformas estruturais máis intensas e aproveitar ao máximo os fondos europeos”, salientou o presidente de Agef, Víctor Nogueira, sobre o encontro anual que se iniciou hoxe.

A forza da recuperación é o lema escollido para o congreso deste ano, onde o 71% dos empresarios afirmaron ter introducido o teletraballo nas súas compañías, o 56% aplicado ERTEs e o 55% adaptado a súa estrutura produtiva para facer fronte á crise co obxectivo de salvagardar ao máximo os postos de traballo. A medio prazo, o 52% afirma que aumentará o seu investimento en España en 2021 e o 58% reivestirá os seus beneficios deste ano na súa empresa.

A enquisa tamén revela que a facturación do 59% dos empresarios familiares de toda España reduciuse entre un 0 e un 30% como consecuencia da Covid-19 e 7 de cada 10 afirmaron ter reducido ata un 15% o emprego. Os participantes fixeron fincapé na necesidad de aproveitar do xeito máis eficiente os fondos europeos de recuperación, que cren deberían centrarse principalmente en infraestruturas, dixitalización e transición enerxética e crecemento sostible.