27 Nov A empresa familiar galega, co liderado e a innovación
27 de novembro de 2021. A Asociación Galega da Empresa Familiar participou en Valencia na segunda edición de Conectando Forums, un encontro enmarcado no Fórum de Empresa Familiar que este ano centrou as súas actividades no impulso da innovación e o liderado na empresa. A expedición galega, encabezada pola directora da asociación, Margarita Hermo, compartiu dous días de formación e intercambio con representantes das asociacións territoriais de empresa familiar de Aragón, Madrid, Murcia, Cataluña, Valencia e Castela e León.
Os participantes visitaron a compañía Platos Tradicionales da man do seu presidente e conselleiro delegado de Familia Martínez, Paco Martínez, e do director de Persoas e Sistemas do grupo, Raúl Martín. Coñeceron tamén a iniciativa KM ZERO Food Inovation Hub para unha alimentación máis saudable e sustentable a través da súa directora xeral, Beatriz Jacoste.
A fundadora de Antropología 2.0, Verónica Reyero, impartiu unha dinámica de grupo de Design Thinking para intercambiar visións sobre a contorna actual e a economía e a sociedade do futuro. Ao final do día, os asistentes puideron compartir unha cea coloquio sobre o rol da familia na empresa e os retos do cambio xeracional e a dixitalización co presidente de La Española, Ignacio Alberola, e a directora xeral de Dormitienda, Mónica Duart, empresarios de dúas das compañías de propiedade familiar máis importantes da Comunidade Valenciana, coa intervención do presidente do Fórum de Empresa Familiar da Asociación Valenciana de Empresarios, Darío Grimalt.
Co obxectivo de abordar os detalles da xestión empresarial e o traballo en equipo, os empresarios e empresarias gozaron ao día seguinte dunha actividade de conducción deportiva e karting cos pilotos de motociclismo Jorge Martínez Aspar e Nico Terol, que destacaron a importancia da constancia, a perseverancia ou o dinamismo nos seus proxectos deportivos no marco do Mundial de Motociclismo.