A empresa familiar galega renova o seu convenio con Abanca

9 de setembro de 2021. A Asociación Galega da Empresa Familiar, Abanca e Afundación veñen de renovar hoxe o seu convenio de colaboración para desenvolver actividades de divulgación sobre a importancia das empresas familiares galegas e a segunda edición do programa educativo Empresa familiar nas aulas, que terá lugar este curso 2021-2022 con alumnos de primaria e secundaria de diversos centros galegos.

Ademais da celebración de actividades asociativas e formativas para difundir a relevancia do papel social e económico das empresas familiares galegas, o convenio busca seguir impulsando o espírito emprendedor do alumnado.

“Apoiar un tecido produtivo propio é básico para xerar riqueza, emprego e autonomía económica. Ás empresas que vivimos aquí parécenos clave que o noso socio nestes proxectos sexa tamén unha banca e unha fundación de aquí”, sinalou o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, que procedeu á sinatura do convenio xunto co conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e o director xeral de Responsabilidade Social, Sustentabilidade e Comunicación da entidade e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet.

A primeira edición do programa Empresa familiar nas aulas, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación, contou coa participación de dez empresarios e empresarias de compañías galegas de propiedade familiar, dez centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato e un total de 437 estudantes..