15 Abr A empresa familiar, máis sustentable tras a Covid
15 de abril de 2021. As empresas familiares aceleraron os seus procesos de transformación cara un modelo máis sustentable tras o impacto da Covid-19, un fenómeno do que deron conta Pilar Martínez-Cosentino, vicepresidenta executiva do almeriense Grupo Cosentino, e Enrique Silla, conselleiro delegado da paterneira Jeanología, durante unha sesión online organizada polas asociacións territoriais da empresa familiar vencelladas ao Instituto da Empresa Familiar, entre as que se encontra a Asociación Galega da Empresa Familiar, dentro do ciclo A empresa familiar comparte.
Os dous empresarios puxeron o acento na sustentabilidade como ferramenta de xeración de emprego e riqueza, en liña cos valores intrínsecos ás empresas familiares, e para iso solicitaron máis apoio institucional que incentive o investimento e a actividade das compañías, a competitividade e a rendibilidade, que repercuta en termos de emprego, internacionalización ou I+D+i.
Conscientes de que as prácticas empresariais sustentables son cada vez máis un requisito da sociedade á hora de decantarse por un produto ou servizo, fixeron fincapé na necesidade de que as administracións públicas incentiven a transformación sustentable a través dun plan de educación que prime o talento e inclúa o modelo de FP Dual.
Silla, quen destacou a rendibilidade como requisito indispensable para lograr a sustentabilidade, explicou que a tecnoloxía da téxtil Jeanología logrou reducir o consumo de enerxía e recursos hídricos e eliminar nos seus procesos emisións e residuos, ademais de aumentar a produtividade da compañía. Martínez-Cosentino, pola súa parte, salientou que a empresa de superficies innovadoras para deseño e arquitectura traballa cun concepto de sustentabilidade que vai máis alá de coidar o medio ambiente, cunha visión de continuidade baseada na contribución social e ambiental.
A Rede de Asociacións Territoriais da Empresa Familiar, integrada por máis de 1.500 empresas familiares, organiza o ciclo A empresa familiar comparte para compartir experiencias tras o impacto da Covid-19 nas empresas familiares, que representan o 90% das empresas en España e o 92% en Galicia, e son clave na xeración de emprego e riqueza.