10 Dec A Empresa Familiar pide un plan de apoio urxente ás empresas galegas
10 de decembro de 2020. A Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) solicita ás administracións públicas un plan urxente, desburocratizado e fiscalmente competitivo para apoiar ás máis de 80.000 compañías galegas que continúan vivas a pesar da crise do coronavirus. “Urxe gañar en competitividade fiscal para atraer investimento a Galicia, e iso pasa por baixar impostos. As empresas que vivimos aquí vimos de demostrar na anterior crise, e no que vai desta, que a pouco que nos apoien funcionamos como as verdadeiras estabilizadoras do emprego. Se o fiamos todo á chegada dos fondos europeos para a recuperación, imos chegar tarde”, explica o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira.
Nogueira presentou hoxe en Santiago de Compostela un informe e unha batería de propostas para apoiar a solvencia e a supervivencia das empresas galegas e a preservación do emprego, acompañado das directoras das cátedras da Empresa Familiar das universidades de Vigo e A Coruña, Elena Rivo e Berta Rivera. “Se contabilizamos as persoas que están actualmente en Ertes, temos hoxe en Galicia a 214.400 desempregados, a cifra máis alta desde hai 5 anos. Só en novembro e só na hostalaría perdemos case 4.000 empregos”, precisa Berta Rivera, directora da Cátedra da Empresa Familiar da Universidade da Coruña.
A análise de Agef revela que, entre outubro de 2019 e outubro de 2020, Galicia perdeu 1.848 empresas, na sñua maioría pemes, e 15.400 postos de traballo (novembro 2019 a novembro 2020).
Propostas polo emprego
O plan de propostas polo emprego presentado hoxe polo presidente de Agef concéntrase en cinco eixos:
- Competitividade fiscal para atraer investimento a Galicia e evitar a fuga de empresas
- Axilidade nas tramitacións administrativas: menos burocracia
- Apoio á solvencia
- Coordinación dos proxectos de solicitude dos fondos europeos de reconstrución: maior transmisión de información ás pemes e pequenas empresas
As empresas familiares representan o 92,4% do tecido empresarial de Galicia e aportan preto de 400.000 empregos e 22.300 millóns de euros de riqueza (valor engadido bruto) ao ano. A Asociación Galega da Empresa Familiar está integrada polas 57 principais compañías con sede social e fiscal en Galicia.