A familia Fernández Álvarez-Santullano, Premio Familia Empresaria 2023

14.11.2023. A familia Fernández Álvarez-Santullano, propietaria do grupo biofarmacéutico Zendal é a premiada hoxe co XVII Premio Familia Empresaria que concede anualmente a Asociación Galega da Empresa Familiar co apoio do Banco Sabadell Gallego e AON.

A Asociación Galega da Empresa Familiar recoñece o compromiso do grupo Zendal no ámbito da saúde e a súa capacidade de situar a Galicia como un referente farmacéutico a nivel mundial, na investigación e produción de vacinas.

Andrés Fernández, actual conselleiro delegado do grupo Zendal, foi o encargado de recoller o premio no Pazo de Cea. O acto de entrega contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o presidente do Instituto da Empresa Familiar, Andrés Sendagorta e o director institucional Territorial Noroeste do Sabadell Gallego, Adolfo García.

De orixe no 1939 na compañía Zeltia, fundada polo seu avó Antonio Fernández López, naceu Zendal cando en 1993 constitúese a que foi a primeira empresa do grupo, naquel entón CZ Veterinaria. O presidente do grupo é Pedro Fernández Puentes, pai do actual conselleiro delegado de Zendal. Andrés Fernández impulsou o crecemento de Zendal nos últimos anos coa expansión no campo das vacinas humanas e a consolidación das vacinas animais, probióticos e outros produtos biofarmaceuticos. O grupo Zendal conta con 7 empresas dedicadas á saúde humana e animal. A compañía desprega 5 centros de produción en España e Portugal, emprega a 650 profesionais e mantén a sede e o corazón do I+D+i da compañía en Galicia.

Premio Familia Empresaria

O premio Familia Empresaria, outorgado pola Asociación Galega da Empresa Familiar, distingue con carácter anual desde 2005 a traxectoria empresarial e o mantemento das raíces en Galicia das empresas de propiedade familiar da comunidade.

A Asociación Galega da Empresa Familiar está integrada polas 60  empresas familiares máis relevantes de Galicia. O peso das empresas galegas de propiedade familiar aporta o 92% do tecido empresarial, o 86% do emprego privado e o 85% do PIB privado de Galicia

Na imaxe, a familia Fernández Álvarez-Santullano xunto con directivos de Agef e o presidente de Xunta de Galicia.  Punto GA | M.Riopa