“A figura do conselleiro independente é fundamental”

1 de xuño de 2021. Manuel Bermejo, presidente de The Family Advisory Board, enxalzou a importancia de contar cunha figura independente e allea á familia empresaria que asesore ás empresas familiares na toma de decisións máis transcendentais, como é o caso da sucesión. “Ten que ser unha persoa valente e insistente que lle diga á familia propietaria o que ninguén se atreve a dicirlle, pero que definitivamente ten que escoitar”, sinalou durante a súa participación no Martes de Consellos do Clube de Conselleiras da Asociación Galega da Empresa Familiar.

Conselleiro e asesor de numerosas familias empresarias de España e o sur de Europa, en diferentes sectores de actividade, Bermejo engadiu que un bo conselleiro nas empresas familiares debe ser “como un bo árbitro”. “Se non pasa desapercibido, mal imos”, explicou, malia que remarcou que a selección desta figura é unha oportunidad de atraer talento á compañía, “o gran ben escaso do século XXI”.

Durante a súa intervención, centrada nos órganos de goberno das compañías familiares, Manuel Bermejo remarcou a necesidade de contar con eles como exercicio de prevención contra as posibles discordancias no seo da empresa, e fixo fincapé en diferenciar sempre entre a contorna da familia e a empresarial. “Se todos compartimos que o inimigo público número un das empresas familiares é o conflito, os órganos de goberno serven para conversar e evitalos”, explicou.

As mulleres na empresa familiar

Sobre a representación feminina nas empresas familiares fronte ao resto, Bermejo destacou a “boa presenza de mulleres” no goberno familiar das compañías.

O presidente de The Family Advisory Board revelou os resultados dun estudo recente sobre o rol das mulleres nas empresas familiares, que indica que 2 de cada 3 membros dos consellos familiares en España son mulleres, así como 1 de cada 3 primeiras executivas e integrantes de consellos de administración (fronte a só o 5% de conselleiras delegadas no conxunto empresarial español). “É un dato moi positivo que fala moi ben da normalización da Igualdade nas empresas familiares”, concluíu.