04 Nov A sostibilidade, no ADN das empresas familiares
3 de novembro 2020. As empresas familiares de Galicia teñen a sostibilidade e a estratexia de economía circular no seu ADN, formando parte do seu compromiso co emprego, a economía e o entorno, a través de procesos de minimización de residuos e aproveitamento de recursos en marcha desde hai anos. O primeiro workshop online do ciclo de conferencias Empresa familiar e sostibilidade, organizado pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, así o puxo de manifesto, coas experiencias das empresas ourensanas de propiedade familiar Grupo Agroamb e Grupo Cuevas.
“Existen iniciativas sostibles que as empresas familiares galegas levan anos levando a cabo. O noso modus operandi vai na dirección do uso eficiente de recursos, a restauración da biodiversidade ou a redución da contaminación, na liña do obxectivo da Unión Europea de que sexamos o primeiro continente climaticamente neutro en 2050”, sinalou Margarita Hermo, directora da Asociación Galega da Empresa Familiar.
Josefa de León, directora de competitividade estratéxica de Agroamb, explicou o proceso de conversión de residuos en recursos da compañía familiar da Terra Chá desde que o seu fundador, o veterinario Severiano Ónega, decidiu levar un bote dos primeiros residuos das súas parcelas a un laboratorio en 1999. Hoxe en día, Agroamb é unha compañía de servizos agrícolas e recollida de fertilizantes que incorpora a innovación tecnolóxica para impulsar a economía circular. Así o demostran os seus tractores xeoreferenciados, capaces de penetrar en terreos anegados de auga, reducindo así o uso de sementes, fertilizantes e fitosanitarios.
“Antes non lle chamabamos economía circular, senón ‘pechar o círculo’ da natureza. Sempre traballamos pensando que a innovación é clave no rural para transformar os sistemas alimentarios e xerar oportunidades de negocio. Somos as empresas que estamos no local, no terreo, as que podemos aportar coñecemento e experiencia para avanzar en sostibilidade”, afirmou De León.
O caso de Cuevas é outro dos máis paradigmáticos en sostibilidade dunha empresa familiar galega. Esta compañía, que vai pola súa quinta xeración, xera un 98% de subprodutos a partires da castaña e a súa pel –e de sinerxias con compañías como Coren e Finsa–, cos que crea un valor de 500.000 euros e 32.000 euros de aforro ao ano, cunha aposta clara poos envases de cristal e cartón fronte ao plástico.
“A sostibilidade non é incompatible coa rendibilidade, e as empresas debemos ser xeradoras de esperanza e buscar alianzas de valor a través dunha simbiose industrial. A sostibilidade marca a diferenza”, explicou Maite González, xerente de Marrón Glacé, de Grupo Cuevas.
O workshop, moderado pola codirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo, contou tamén coa intervención de Miguel Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da universidade, experto en economía circular e responsable do plan de economía circular de Galicia, quen salientou o aspecto económico, e non só ambiental, desta modalidade.
“As medidas de economía circular forman parte da estratexia da Comisión Europea para impulsar o crecemento económico e a promoción de emprego, e repercuten sobre a conta de resultados das empresas, aportando menores custos de produción que inflúen directamente na xeración de valor engadido”, indicou Rodríguez.
As cátedras de empresa familiar forman parte da Asociación Galega da Empresa Familiar e da Rede de Cátedras a nivel estatal, e teñen como obxectivo promover a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento sobre as empresas familiares de Galicia a través de sinerxias entre o mundo académico e empresarial.