Aceites Abril achégase ao alumnado de Maristas Ourense

15.03.202255 estudantes de 4º de ESO e 1º de bacharelato do colexio Marista Santa María de Ourense estiveron presentes na charla realizada por Elena Pérez, directora de márketing de Aceites Abril e pertencente á segunda xeración propietaria da empresa, no marco da II edición do programa Empresa Familiar nas aulas, unha iniciativa organizada pola Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación, a Obra Social ABANCA. “É importante poñer en valor o papel das empresas familiares galegas que represan o 92,4% do tecido empresarial en Galicia”, subliñou Elena Pérez.

No relatorio a directora explicoulles aos escolares a falta de aceite de xirasol nos supermercados polo coflicto en Ucrania, xa que o 70% de este obtéñeno dese país. Ademais, indicou que se poderán ver cambios no consumo pola subida de prezos.

A empresaria relatou os 60 anos de historia da empresa familiar e os seus fitos máis importantes como o seu nacemento no ano 1962, a plantación de oliveiras galegas e o seu aceite Colleita Propia, ademais do seu crecemento no 2022 cunha segunda liña de refinado. “A nosa empresa chámase Abril porque é o mes no que a oliveira empeza a florecer ao espertar da súa parada de inverno, e tamén en honra á Feira de Abril de Sevilla, que tanto gustaba ao noso pai Manuel”, indicou Elena Pérez

Así mesmo explicou as variedades de aceite que ten a casa e a cata que realizarán os mozos na visita á empresa o 23 de marzo. Tamén destacou que no mercado exterior “o servizo e sobre todo a innovación no formato é importante para diferenciarse entre outros fabricantes”.

Para poñer broche final á charla, a directora realizou unhas preguntas ao alumnado con premio en aceite. Algúns estudantes puideron levar a casa algunhas botellas da colección selecta da compañía.