Aceites Abril, de adega a envasadora internacional de aceite de oliva, sen perder a súa orixe familiar galega

6 de marzo de 2026.– Estudantes de Bacharelato do Colexio Maristas de Ourense realizaron esta semana unha visita guiada polas instalacións da envasadora Aceites Abril en San Cibrao das Viñas (Ourense), englobada no programa “Empresa familiar nas aulas”, que desenvolvemos con Afundación. A actividade compleméntase cunha charla previa, impartida por Elena Pérez Canle, Export Manager USA & Canadá e membro da segunda xeración familiar, de Aceites Abril, no centro educativo, á que asistiron uns corenta alumnos de Bacharelato.

Durante a súa intervención, Elena Pérez Canle repasou a evolución da envasadora familiar, desde a súa creación nos anos 50, a partir dun pequeno negocio dedicado aos viños, ata transformarse na principal marca de aceite de oliva de Galicia e nun exemplo de internacionalización, calidade e innovación. A compañía, que recibe o nome de Aceites Abril, en alusión ao mes en que florece a oliveira e como homenaxe á Feira de Abril de Sevilla, está presente en máis de 70 mercados internacionais, cunha ampla gama de formatos e calidades, incluíndo iniciativas como “Colleita Propia” (un aceite virxe extra, con orixe 100% Galicia).