28 Mai AGEF aposta pola mellora das conexións coa península e a simplificación burocrática para gañar competitividade
28 de maio de 2025.– A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) celebrou esta mañá no Hostal dos Reis Católicos de Santiago o seu XXV Asemblea Xeral de Socios. A entidade, que cumpre este ano un cuarto de século de existencia, reuniu na capital galega aos representantes das súas 62 empresas familiares socias, todas elas con sede en Galicia.
Durante a Asemblea, a entidade celebrou un debate moderado polo presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, e no que participaron o presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro; o presidente executivo da Corporación Hijos de Rivera e presidente do Instituto da Empresa Familiar, Ignacio Rivera; e a conselleira delegada do Grupo Industrial Crimidesa, Victoria Plantalamor. Tamén se presentou a Memoria de Actividades de 2024. Nela recolle, entre outros fitos, a renovación dos convenios coas Universidades de Vigo e A Coruña, para impulsar as Cátedras de Empresa Familiar; a evolución do programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, no que participaron máis de 4.000 mozos ao longo das súas cinco edicións; así como a organización de novas actividades docentes, encontros ou xornadas para socios, ademais de foros e visitas a empresas, organizadas no marco do Fórum Familiar.
O acto de clausura contou coas intervencións do presidente de AGEF; do presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, que falou sobre “Desafíos e oportunidades no novo contexto xeopolítico”; do presidente do Instituto da Empresa Familiar (IEF), Ignacio Rivera; e da conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana. Tamén estivo presente o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez.
Estabilidade e compromiso co desenvolvemento local
Durante a súa intervención, José Bernardo Silveira insistiu na necesidade de seguir simplificando aqueles procedementos administrativos que aínda retardan a execución de determinados proxectos, de mellorar as infraestruturas de conexión coa península e de revisar a fiscalidade das empresas familiares galegas para gañar competitividade no novo mapa xeopolítico mundial e facer fronte ás presións arancelarias e as tensións comerciais do momento actual. Referiuse Silveira tamén á innovación e ao uso de tecnoloxías avanzadas e da intelixencia artificial como ferramentas para mellorar os procesos produtivos e a eficiencia das empresas. O presidente de AGEF destacou, ademais, a importancia das empresas familiares na economía galega, á que “achegan o 85 % do Valor Engadido Bruto, moi por encima da media nacional (58 %)”.
José Bernardo Silveira subliñou tamén o feito de que a alta supervivencia das empresas familiares españolas -supera en catro puntos ás non familiares- e a súa concentración accionarial achegan unha base de estabilidade á economía. Fronte á volatilidade dos mercados internacionais, engadiu, “en AGEF defendemos o arraigamento ao territorio, a fidelidade aos nosos valores e a importancia do legado, sen que as nosas empresas perdan a súa esencia ou o espírito co que naceron”.
Na súa intervención, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, instou a que no contexto actual “Galicia aproveite as súas fortalezas, impulse os sectores estratéxicos vinculados ao noso territorio e posiciónese ante a reconfiguración en curso das cadeas de valor, un reto ante o que ABANCA se configura como o seu gran aliado, ao ser o principal financiador das súas empresas e familias”.
Pola súa banda, o presidente do Instituto da Empresa Familiar, Ignacio Rivera, destacou no seu discurso o peso e a singularidade das empresas familiares galegas. “Galicia é unha terra con forte arraigamento ás súas tradicións, con recursos naturais extraordinarios e unha forma moi propia de entender a empresa. Aquí, a cifra de empresas familiares ascende ao 94 %, por encima da media nacional, e xeran o 82 % do emprego privado”, subliñou.
Rivera lembrou que as empresas familiares son auténticos motores de desenvolvemento. “A pesar do contexto de incerteza política e social no que nos movemos, temos que lembrar que as empresas familiares traballamos cun propósito claro: contribuír ao desenvolvemento económico, xerar emprego, fortalecer o vínculo co territorio con impacto positivo e construír futuro. Se traballamos con ese enfoque, estaremos a axudar a construír unha sociedade mellor”.
Por último, a conselleira de Economía e Industria, da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, pechou o acto de clausura facendo referencia ao orgullo que para o goberno galego supón dicir que “o 82 % do emprego da rexión estea en mans das empresas familiares”. Referiuse a conselleira á necesidade de seguir traballando para reducir o tempo e papelada ás empresas, en reforzar a rede de transporte eléctrico ou potenciar “o desenvolvemento industrial, respectando os recursos naturais de Galicia”.
Pé de foto: de esquerda a dereita, Juan Carlos Escotet, Ignacio Rivera, Victoria Plantalamor, José Bernardo Silveira, María Jesús Lorenzana, José González Vázquez, Juan Manuel Vieites e Roberto Tojeiro



