17 Dec AGEF e outras asociacións de empresa familiar lideran o programa de prácticas Talento Next Gen para os seus membros máis novos
17 de decembro de 2025.– A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), xunto a outras dez asociacións territoriais de España, puxeron en marcha Talento Next Gen, un programa de prácticas dirixido aos membros máis novos das empresas familiares. O seu obxectivo é ofrecer a estudantes universitarios, de máster ou de Formación Profesional (FP) unha primeira experiencia laboral en empresas familiares, nunha contorna real que fomente a aprendizaxe e a conexión directa co ecosistema empresarial. O Programa foi desenvolto conxuntamente polas asociacións de Madrid (ADEFAM), Alacante (AEFA), Andalucía (AAEF), Asturias (AEFAS), Canarias (EFCA), Cantabria (ACEFAM), Castela-A Mancha (AEFCLM), Castela e León (EFCL), Cataluña (ASCEF), Estremadura (AEEF) e Galicia (AGEF).
As Asociacións de Empresa Familiar dan, deste xeito, resposta a algúns dos grandes retos que afronta hoxe o mercado laboral: a dificultade crecente para captar e reter talento novo, a necesidade de que os estudantes coñezan de primeira man a realidade das empresas familiares e, sobre todo, a importancia de formarlles nas competencias que realmente demanda o tecido empresarial. En Talento Next Gen cada participante contará coa supervisión dun titor dentro da empresa, e a duración das prácticas será flexible, sempre recomendando un mínimo de tres meses.
Innovación ao servizo do talento novo
Como parte do compromiso coa innovación, Talento Next Gen incorpora unha plataforma dixital que simplifica todo o proceso. A través dela, as empresas familiares poden publicar as súas ofertas e acceder aos perfís dos candidatos, mentres que os estudantes poden inscribirse en calquera momento e facer un seguimento áxil das súas candidaturas.
Desde o inicio, Talento Next Gen reuniu a preto de 100 empresas asociadas, que puxeron ao dispor dos mozos máis de 100 prazas de prácticas. Grazas a esta iniciativa, na que participaron case 50 estudantes, polo menos 19 deles formalizaron as súas prácticas a través desta plataforma e algúns deles foron contratados a posteriori.



