AGEF organiza un almorzo coloquio sobre a empresa familiar do século XXI, co profesor Manuel Bermejo

21 de outubro 2024. A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) organizou o xoves 17 de outubro un almorzo-coloquio, baixo o título “Familia empresaria no século XXI, cada vez máis complexa”, co profesor Manuel Bermejo como relator invitado. Ao encontro, que se celebrou no Hotel Monumento San Francisco, de Santiago de Compostela, acudiron membros de diferentes xeracións de empresas familiares socias de AGEF.

Durante a súa intervención, o profesor Bermejo, socio fundador e presidente de The Family Advisory Board (TFAB) e director académico do Programa de Dirección e Goberno da Empresa Familiar do IEF, fixo unha presentación do informe TFAB sobre a gobernanza na mediana e gran empresa. “As empresas familiares que conseguen transcender son as que teñen unha mentalidade de creación de valor a través das xeracións, o cal supón pensar e traballar máis aló da mera supervivencia, sen esperar a que xurdan crise e conflitos”, sinalou o profesor Bermejo.

A conversación entre os participantes no almorzo virou, entre outras interesantes temáticas, sobre os novos escenarios e paradigmas da empresa familiar, da súa evolución a holdings familiares, da importancia do legado, liderado e cultura emprendedora, e de como a complexidade e diversidade da empresa familiar fai necesaria unha boa planificación do goberno da familia e da empresa.