AGEF premia a 17 empresas familiares pola súa traxectoria e apoio durante 25 anos

18 de novembro de 2025.– A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) celebrou esta mañá no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela a Gala XXV Aniversario da súa constitución, na que se premiou ás 17 empresas familiares fundadoras pola súa contribución, de forma ininterrompida, ao desenvolvemento da asociación durante os seus 25 anos de existencia.

O presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, foi o encargado de inaugurar a Gala XXV Aniversario, que contou co apoio de CaixaBank, e de dar paso a unha mesa redonda sobre o “Legado e futuro da empresa familiar en Galicia”, moderada polo xornalista Pedro Piqueras. Participaron no debate Marcos Tojeiro González, membro do consello de administración de Grupo Gadisa e integrante da terceira xeración familiar; Rebeca Gómez Follea, conselleira de Corporación Hijos de Rivera e representante da quinta xeración da compañía cervexeira; Constantino Fernández Pérez, xerente de desenvolvemento corporativo de Altia e membro da segunda xeración familiar da compañía tecnolóxica; e Carmen Varela Pérez-Canle, integrante da terceira xeración de Aceites Abril.

Ao termo do coloquio, tivo lugar o acto de entrega dos galardóns aos representantes das 17 empresas familiares máis lonxevas da asociación, coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e tras as intervencións do presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, do director territorial norte de CaixaBank, Juan Pedro Badiola.

25 anos de evolución e historia de Galicia

Durante o seu discurso, o presidente de AGEF fixo un repaso histórico dos acontecementos ocorridos desde aquel 14 de xaneiro de 2000, día no que se constituíu a asociación, reflexionando sobre como evolucionou o mundo e Galicia desde entón. Silveira fixo especial énfase na evolución tecnolóxica que se viviu nestes últimos 25 anos, e que “impactou profundamente non só na nosa vida persoal, senón na forma na que xestionamos as nosas empresas e na que nos relacionamos con clientes, provedores e co resto do mundo”. O presidente de AGEF puxo como exemplo a tecnoloxía WIFI, que aquel ano en que se fundou a asociación acababa de aparecer e que funcionaba con módems de 56 kilobytes, 18.000 veces máis lenta que a actual. “Esa aceleración da tecnoloxía que vivimos nos últimos 25 anos transcendeu hoxe ao ámbito da economía e da política, onde a miúdo transfórmase en volatilidade”, apontoou Silveira, á vez que lembrou os dous obxectivos principais cos que naceu a asociación, e que seguen vixentes: mellorar a competitividade xurídica e impositiva das empresas familiares e dar a coñecer a súa importancia en termos de emprego e de contribución á riqueza económica de Galicia.

Silveira terminou a súa intervención aludindo ao próximo cuarto de século que queda por diante. “De hoxe ao 2050 —dixo—, as novas xeracións que se farán cargo das nosas empresas, os asociados e presidentes que me sucedan enfrontaranse a unha realidade moito máis fragmentada, moito máis cambiante, moito máis global, transformadora e esixente”.

Pola súa banda, Juan Pedro Badiola, director territorial norte de CaixaBank, destacou no seu discurso que “as empresas familiares son moito máis que unha estrutura empresarial: son tradición, innovación e arraigamento ao territorio. Sosteñen a nosa economía, á vez que a impulsan con forza e estabilidade. En CaixaBank queremos ser o seu socio de referencia para axudarlles a afrontar os retos e as oportunidades do futuro.”

Seguidamente, e en representación das empresas familiares galardoadas, Roberto Tojeiro, presidente de Grupo Gadisa, agradeceu o recoñecemento “como un sinal de que as cousas se han feito ben durante este cuarto de século”. Lembrou na súa intervención os catros fitos fundamentais conseguidos por AGEF neste período: recoñecemento público, redución de dificultades fiscais e normativas e melloras nas relacións entre asociados e na súa capacitación para a continuidade e crecemento das empresas familiares.

Por último, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pronunciou o discurso de clausura da Gala facendo alusión ao peso e importancia da empresa familiar no conxunto da economía galega. “A empresa familiar é Galicia Calidade en estado puro” —sinalou— “somos unha comunidade exportadora, de base familiar, e as empresas familiares teñen unha gran implicación nos proxectos estratéxicos da nosa terra”.

Pé de foto: foto de familia de empresas galardoadas e autoridades