AGEF renova os convenios de colaboración con ABANCA e Afundación Aseguran unha nova edición do programa ‘Empresa familiar nas aulas’ e do concurso ‘Emprender é soñar, apúntaste?’

3 de decembro 2024.  A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), ABANCA e  Afundación  renovaron hoxe os acordos de colaboración que manteñen co obxectivo de seguir desenvolvendo iniciativas que destaquen a relevancia da empresa familiar e o seu papel estratéxico no fortalecemento do tecido empresarial e o impulso do espírito emprendedor en Galicia.

Os convenios foron subscritos por Gabriel González Eiroa, director xeral Comercial de ABANCA; Pedro Otero, director xerente de Afundación, e José Bernardo Silveira, presidente de AGEF. Por parte de ABANCA, esta renovación reafirma a vontade da entidade financeira de apoiar proxectos que promovan a continuidade das empresas familiares, melloren o seu marco legal e fiscal, e fomenten o emprendemento. Neste contexto, ABANCA seguirá sendo o patrocinador principal das actividades organizadas por AGEF.

Durante a firma, Gabriel González Eiroa destacou que “dar continuidade a esta colaboración histórica con AGEF reforza o compromiso de ABANCA co tecido produtivo galego e coas empresas familiares, que desempeñan un papel esencial no desenvolvemento económico e social da nosa rexión”.

Pola súa banda, José Bernardo Silveira, presidente de AGEF, expresou o seu agradecemento a ABANCA e Afundación, subliñando que “o apoio recibido fortalece á nosa asociación e apoia ás empresas familiares galegas, que representan un piar fundamental do tecido empresarial en Galicia”.

O convenio asinado con Afundación asegura unha nova edición do programa educativo ‘Empresa familiar nas aulas’. Esta iniciativa, dirixida a estudantes e profesores de 4º de ESO, Bacharelato e FP, ten como obxectivo sensibilizar á poboación en idade escolar sobre a importancia das empresas familiares, promover os valores que as caracterizan e espertar vocacións emprendedoras. No marco desta colaboración, para engadir un elemento motivador, AGEF e Afundación tamén convocarán e organizarán o concurso ‘Emprender é soñar, apúntaste?’.

Pedro Otero, director xerente de Afundación, sinalou que “este programa intégrase dentro das accións educativas de ABANCA e a súa Obra Social, orientadas a facilitar un achegamento ao ámbito empresarial desde idades temperás. Deste xeito, foméntase unha comprensión máis profunda da contorna laboral que atoparán no futuro e enriquécese a súa aprendizaxe sobre a realidade empresarial”.

O programa ‘Empresa familiar nas aulas’ pon de manifesto o compromiso da Asociación Galega da Empresa Familiar co impulso do emprendemento en Galicia. A través do coñecemento académico relacionado coa empresa, a iniciativa busca espertar a vocación profesional dos estudantes, así como abrir horizontes laborais. Desde a súa posta en marcha, participaron na iniciativa 2.763 alumnos de secundaria, bacharelato e formación profesional de 32 centros educativos galegos.

Pé de foto: de esquerda a dereita. Pedro Otero, director xerente de Afundación, José Bernardo Silveira, presidente de AGEF, e Gabriel González Eiroa, director xeral Comercial de ABANCA