Álex Márquez: “Cando consigo un podio, é do equipo”

Álex Márquez: “Cando consigo un podio, é do equipo”

28 de outubro 2020. O bicampeón dp mundo de MotoGP (Moto 3 e Moto 2) Álex Márquez participou hoxe nun encontro na Coruña organizado polo Fórum de Xoves da Asociación Galega da Empresa Familiar co apoio de Deloitte e Estrella Galicia, onde puxo en valor a importancia do traballo en equipo para acadar obxectivos. “Cando consigo un podio, unha vitoria, unha pole position, o traballo é do equipo. Os pilotos non sabemos cambiar unha roda nin prender unha moto, porque non sabes a de mapas que hai que poñer electronicamente. O traballo en equipo é algo fundamental para obter bos resultados”, sinalou Márquez.

Introducido pola presidenta do Fórum de Xoves, Carlota López-Pardo, e por Fernando Vázquez, socio responsable de Empresa Familiar de Deloitte España, Márquez conversou co xornalista Terio Carrera e a socia de Delotte Diana Soto sobre a súa maior paixón e a súa relación coas empresas familiares. “Teño a sorte de poder adicarme ao que máis me gusta, que son as motos, e o máis importante son os resultados, pero no box hai moita motivación e un gran trato persoal. Coidar á xente que está contigo e facer piña é o máis importante, e penso que nas empresas tamén pasa”, dixo.

O piloto, que non descarta dedicarse ao mundo empresarial nun futuro, destacou a importancia de combinar o traballo e o talento e aprender dos erros. “Todo o mundo pode ser un líder, pero para iso tes que saber cando te equivocas e non ter medo a equivocarte. Eu sempre intento pensar que os meus rivais adestran máis ca min, e esa é a miña maneira de darme gasolina e ver onde son bos os meus rivais para intentar melloralo”, compartiu.

“Apréndese moito máis dos malos resultados, cando as cousas non van ben e pensas como podes mellorar”, afirmou Álex Márquez, recén incorporado dunha caída no GP de Teruel. “Neses momentos, tes que saber non relaxarte e pensar cimo reinventarte o vindeiro año. A vida é reinventarse e intentar cada día ser mellor”, engadiu.

 

“As empresas apoian o deporte”

Álex Márquez agradeceu o apoio das empresas españolas ao motociclismo e, en concreto, o respaldo que recibiu a título persoal. “As empresas en España apoian moito o deporte e déronnos as oportunidades para intentar chegar aos nosos obxecticos. Pode que sexamos 25 e cheguen 4, pero todos tivemos a oportunidade de chegar. Ademais, os patrocinadores inculcáronnos a importancia dos valores e de como transmitírllelos á xente”, valorou.

Unha oportunidade que non só lle chegou a el, senón tamén e un pouco antes ao seu irmán Marc Márquez, oito veces campión do mundo de motociclismo. “Unha cousa é chegar a MotoGP e outra competir con Marc, que é o mellor. Eu tiña máis presión que el este ano, pero caeu e está lesionado. Quería telo no box este ano para aprender con el, pero o ano que vén tocará. E remate como remate, seguro que os dous estaremos contentos porque cando eramos pequenos non imaxinabamos chegar a competir os dous en MotoGP”.

Ademais do apoio empresarial, Álex Márquez salientou o papel da súa familia á hora de axudalo a poñer os pés na terra, e non só sobre dúas rodas. “Os meus pais déronnos normalidade, e a normalidade axudounos a ser mellores cada día. Vivir nunha aldea pequena, que nos den na cabeza cando ven que se nos sube á cachola, facernos aterrizar na realidade, foi o mellor que puideron facer por nós”, recoñeceu.

O Fórum de Xoves da Empresa Familiar, formado polos membros das empresas da Asociación Galega da Empresa Familiar, é un espazo de intercambio xeracional, formación e relación para afrontar os retos do futuro a través de seminarios, conferencias ou xornadas.