16 Feb Altia amosa a súa tecnoloxía a 150 FP do Colexio Hogar de Vigo
16.02.2023. III EDICIÓN EMPRESA FAMILIAR GALEGA NAS AULAS – ALTIA
Altia participa esta semana no programa Empresa Familiar nas Aulas 2023 con dúas visitas de 150 alumnos de formación profesional (FP) do Colexio Hogar Afundación de Vigo ao seu centro de datos instalado na Universidade de Vigo. Adolfo Román, director asociado de Altia, impartiu o venres 10 de febreiro unha charla aos alumnos do Colexio Hogar, no que tamén participaron o xefe de estudios do colexio, Ángel Abalde, e mais a coordinadora adxunta da área de Educación Superior de Afundación, Carlota Sánchez.
“Para nós é fundamental unir á escola á empresa e levámolo facendo case 30 anos, dende que Altia naceu en 1994 con só tres persoas”, explicou Adolfo Román. Altia é hoxe a maior multinacional tecnolóxica con sede en Galicia. A compañía coruñesa conta con 3.200 profesionais, unha facturación anual de 170 millóns de euros e delegacións en 7 países de Europa e América. Altia é tamén unha das poucas empresas galegas cotizadas, cun valor que se multiplicou por dez dende a súa saída ao BME Growth (o antigo MAB).
Un total de 700 mozos e mozas da educación secundaria (ESO), bacharelato e formación profesional (FP) de 17 centros educativos de toda Galicia participan no programa Empresa Familiar nas aulas. A iniciativa está impulsada pola Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) e Afundación, a Obra Social de ABANCA. Trátase da terceira edición do proxecto educativo que persigue fomentar o emprendemento e o acercamento dos rapaces galegos ás empresas da comunidade. En tres anos, o plan xa ten duplicado o número de estudantes e centros educativos que participan no seu desenvolvemento.
Empresa Familiar nas aulas fomenta o emprendemento da mocidade a través de faladoiros con 17 empresarias e empresarios familiares dalgunhas das compañías de propiedade familiar máis relevantes de Galicia. No programa deste ano participan os máximos responsables das empresas Lence, Cafés Candelas, Lodiel, Pérez Rumbao, Babé y Cía, Severiano Servicios Móviles, Congalsa, Altia, Aluminios Cortizo, Terras Gauda, Revi, Jealsa, Nogar, Aresa, Aceites Abril, Regueira e Galuresa. O proxecto inclúe visitas das rapazas e rapaces ás empresas e a participación no concurso Imaxina a túa Empresa.
Imaxe: Punto GA/ Lalo R. Villar