Aluman leva a súa aposta de innovación en envolventes arquitectónicas a un instituto de Oleiros

10 de febreiro de 2026.– Un grupo de estudantes do IES María Casares de Oleiros (A Coruña) visitou a semana pasada as instalacións centrais de Aluman en Arteixo (A Coruña), para coñecer, in situ, a actividade deste grupo familiar con especialización en envolventes arquitectónicas singulares e proxectos contract e retail.

O alumnado asistira, en días previos, a unha charla do presidente executivo de Aluman, Manuel Ángel Pouse Palleiro (Lito), na que tiveron a oportunidade de aprender sobre a importancia e valores da empresa familiar. Durante o relatorio, Lito Pouse repasou ademais a historia, proxección e grandes fitos deste grupo de referencia internacional, especialista en fachadas, e a súa aposta pola innovación, eficiencia e responsabilidade social. Ambas as actividades, charla e visita, encádranse no programa “Empresa familiar nas aulas”, que desenvolvemos coa colaboración de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e no que participan 23 centros educativos e outras tantas empresas familiares de referencia.

Aluman superou en 2024 os 126 M€ en facturación -un 55% procedente de mercados internacionais-, tras traballar en máis de 250 proxectos, nunha trintena de países, contando coa colaboración dun 35% de provedores locais e cun persoal de máis de 600 profesionais. Ao longo dese exercicio, o grupo executou máis de 100.000 m² de envolventes, interveu en máis de 1.000 espazos para distintos operadores do retail e operou en máis de 1.000 habitacións de hotel (contract hostaleiro).