26 Mai Alumnos de Cangas e Compostela gañan o premio ‘Imaxina a túa empresa’
26 de maio de 2021. Un grupo de 4 alumnos e alumnas de 3º de E.S.O. do centro educativo compostelán San José de Cluny e outro de 6º de primaria do colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo, baixo a dirección dos seus docentes, resultaron gañadores do 1º certame Imaxina a túa empresa, cun proxecto empresarial de informatización das cidades centrado no transporte e outro de espectáculos, respectivamente.
Os finalistas foron, na categoría de primaria, dous grupos de escolares de 6º curso do centro cangués, polos proxectos, respectivamente, dunha compañía discográfica con contribución social e dunha carpintaría que practica a economía circular; na categoría de secundaria, resultaron finalistas 8 alumnos de 4º de E.S.O. do CPR Manuel Peleteiro, cunha empresa de moda sustentable e outra de chicles de sabores galegos e internacionais elaborados a partir da néspera.
A entrega de galardóns tivo lugar hoxe en Compostela coa presenza do presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero. O xurado, formado por dous representantes da asociación e dous de Afundación, salientou o compromiso coa sociedade e o medio ambiente de todos os proxectos participantes. “O estudantado demostrou o seu compromiso coa Responsabilidade Social Corporativa: teñen claro que as empresas xogan un papel fundamental na economía de Galicia, pero tamén na sociedade, con valores como a sustentabilidade ou o respecto polo medio ambiente, que son intrínsecos ás compañías familiares, o 92,4% do tecido empresarial galego”, destacaron.
Un total de 60 estudantes participaron no certame Imaxina a túa empresa con 15 proxectos empresariais co foco posto na igualdade, o medio ambiente ou a creación de emprego en Galicia.
Balance de ‘Empresa familiar nas aulas’
O certame Imaxina a túa empresa puxo o broche final á primeira edición do programa Empresa familiar nas aulas, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación, Obra Social ABANCA, para fomentar o emprendemento no alumnado de Galicia, impulsando o contacto directo cos empresarios a través de visitas virtuais ás compañías e charlas online.
437 alumnos de dez centros educativos de Galicia e dez empresarios –Carlota López Pardo (Aresa); Yago González-Babé (Babé y Cía); Julio Simarro (Congalsa); Óscar Rodríguez (Espina y Delfín); Roberto Tojeiro (Gadisa); Emilio Lostalé (Lodiel); Joaquín Pérez Bellido (Pérez Rumbao); Julio Iglesias (Revi); Pepe Castro (Servicio Móvil); e Antón Fonseca (Terras Gauda)– participaron no programa.