07 Mar Alumnos de Maristas asisten a unha charla do Grupo Aresa e visitan as instalacións de Torre de Núñez en Lugo
7 de marzo de 2025.– Un grupo de estudantes de 4º de ESO do CPR Maristas A Inmaculada de Lugo asistiron o pasado 29 de xaneiro a unha charla de Carlota López Pardo, presidenta do Grupo Aresa, especializado na fabricación, venda e asesoramento profesional de solucións de fertilización para os profesionais do campo.
A conferencia forma parte do programa educativo “Empresa familiar nas Aulas” que AGEF impulsa con Afundación para achegar os valores, a importancia da empresa familiar e o emprendemento ás novas xeracións.
Na súa presentación, Carlota López Pardo mostrou ao alumnado a historia e proxección deste grupo lucense, fundado en 1971.
Para Antía López, profesora do centro escolar, “Carlota fixo unha grandísima intervención, cun discurso perfectamente adaptado ao público adolescente e que captou de forma magnífica a atención da clase”.
Integrado por catro empresas (Aresa, Cecoagro, Todocampo e Uman), o grupo fabrica e comercializa unha ampla gama de solucións de fertilización, ademais de materias primas para a alimentación animal (cereais en gran ou con diferentes moendas).
Xunto á Universidade de Santiago de Compostela organiza anualmente desde 2000 o prestixioso “Premio Aresa, para recoñecer proxectos que contribúen ao desenvolvemento do rural galego. Este galardón premia aqueles proxectos que xeran emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/o gandeiro e apostan pola economía local, boa parte deles impulsados por empresas familiares.
Visita á compañía de elaborados cárnicos Torre de Núñez
A participación do CPR Maristas A Inmaculada de Lugo neste programa educativo incluíu tamén unha visita guiada o pasado 3 de febreiro ás instalacións da compañía lucense de produtos cárnicos Torre de Núñez.Con cincuenta anos de historia, e desde a construción da súa primeira fábrica en Lugo nos anos 80, Torre de Núñez conta na actualidade cunha planta de embutidos e envasado en Conturiz (15.000 m2), un secadero de xamón (14.000 m2) e instalacións de loncheado (2.500 m2) no Corgo.
Pé de foto: Instantánea da charla de Grupo Aresa e da visita a Torre de Núñez