Alumnos do IES San Paio de Tui aprenden de mobilidade sostible con Pérez Rumbao

30 de xaneiro de 2025. No marco da quinta edición do programa “Empresa Familiar nas Aulas”, que AGEF promove con Afundación, o conselleiro delegado do grupo Pérez Rumbao, Emilio Pérez Bellido, achegouse o pasado 24 de xaneiro ao IES San Paio de Tui (Pontevedra) para compartir cos alumnos de 4º de ESO os valores, a cultura e a importancia das empresas familiares na economía galega.

Durante a charla, uns 43 estudantes puideron coñecer a historia deste grupo centenario, desde a súa fundación en Ourense, ata converterse en líder do sector da automoción en Galicia e en mobilidade sostible, coa cuarta xeración familiar á fronte do negocio.

O grupo Pérez Rumbao integra a máis dunha vintena de sociedades produtoras e distribuidoras das principais marcas de automóbiles e camións, xestiona fábricas de autobuses (UNVI) en Galicia e Portugal, estacións de servizo e electrolineras, entre outros negocios. Conta con presenza en Galicia, Asturias, Castela e León e norte de Portugal, onde emprega a 1.900 traballadores.

Xunto a Pérez Rumbao participarán nesta quinta edición do programa “Empresa Familiar nas Aulas” outras 22 compañías familiares destacadas de Galicia e máis de 1.000 alumnos de ESO, Bacharelato e FP de 22 centros educativos. Esta iniciativa persegue inspirar vocacións emprendedoras e novos horizontes laborais entre os estudantes mediante a realización de actividades, charlas, visitas a empresas e coa convocatoria do concurso “Emprender é soñar, apúntaste?”.

Pie de foto: Emilio Pérez Bellido, conselleiro delegado de Pérez Rumbao durante a charla no IES San Paio de Tui (Pontevedra)