28 Xan Andrés Fernández: “Poder explicar nas aulas que facemos en Zendal é unha oportunidade para relacionarse coas novas xeracións da nosa contorna”
28 de xaneiro de 2025. O conselleiro delegado do grupo biotecnolóxico Zendal, Andrés Fernández, acudiu ao IES Ribeira do Louro, do Porriño (Pontevedra), para impartir unha das charlas maxistrais do programa educativo “Empresa Familiar nas Aulas”, que promoven AGEF e Afundación, co obxectivo de achegar a realidade empresarial e o emprendemento ao alumnado de Bacharelato, ESO e FP.
Á charla asistiu un grupo de 30 estudantes de 2º curso do Ciclo Medio de Xestión Administrativa e de 1º do Ciclo Superior de Administración e Finanzas, que tivo a oportunidade de coñecer as orixes, traxectoria e grandes fitos dunha compañía biotecnolóxica familiar establecida na súa contorna.
“Poder explicar hoxe aquí, nas aulas, que facemos en Zendal, é unha oportunidade para relacionarse coas novas xeracións da nosa contorna”, destacou Andrés Fernández durante a presentación.
Segundo explicou o empresario, o grupo Zendal ten as súas raíces remotas nunha actividade gandeira previa dos seus antepasados, no propio matadoiro do Porriño, en Zeltia, e no aproveitamento de produtos refugables -en combinación con plantas- para o seu uso en investigación farmacéutica. Pero foi en 1993 cando naceu a primeira empresa farmacéutica do grupo, co nome de CZ Veterinaria, e centrada en vacinas e medicamentos para sanidade animal. Hoxe é un grupo biofarmacéutico multinacional enfocado en saúde humana e animal cuxo núcleo é a biotecnoloxía e as vacinas.
Isabel Zendal como fonte de inspiración
Nunha charla distendida, Andrés Fernández foi repasando os primeiros lanzamentos de vacinas para animais, ata a evolución e o salto do grupo ao campo da saúde humana.
O proxecto da vacina contra a tuberculose en humanos (actualmente en fase avanzada de ensaios clínicos) supuxo a entrada do grupo na área de saúde humana que, xunto ao crecemento da empresa e adquisición doutras empresas, converteuse nun grupo con nome Zendal, en honra da enfermeira española Isabel Zendal.
Considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión humanitaria internacional, Isabel Zendal foi a única muller a bordo na expedición médica que partiu da Coruña en1803, con destino a América, China e Filipinas e o obxectivo de inmunizar a miles de persoas contra as vexigas. Hoxe as vexigas é a única enfermidade viral totalmente erradicada do planeta.
Na actualidade, Zendal é a marca corporativa do grupo, baixo a que se integran varias compañías de investigación e desenvolvemento, fabricación e comercialización de vacinas, produtos farmacéuticos de valor engadido e probióticos. O grupo conta con tres centros de I+D e plantas de produción nas localidades do Porriño, Barcelona, León e Paredes de Coura (Portugal) e emprega a un total de 650 persoas, das cales 450 traballan nas instalacións do Porriño.
A empresa familiar e o arraigamento
Durante a quenda de preguntas os asistentes interesáronse pola actividade de internacionalización da compañía e polos seus procesos de selección de persoal, entre outros temas.
“Gústanos formar a nosa propia xente, facer crecer ás persoas, para que sentan máis vinculadas á empresa e á contorna. As empresas familiares tentamos sempre quedarnos e vincularnos onde vivimos, iso é o arraigamento”, respondeu o conselleiro delegado.
Os procesos de fabricación das vacinas, especialmente durante a pandemia, espertaron tamén a curiosidade dos estudantes.
Para Marta Rey, xefa do departamento de Administrativo do IES Ribeira do Louro, “é sumamente enriquecedor que unha empresa tan importante como Zendal tómese o tempo de vir explicar ao alumnado a súa traxectoria. Coñecer as empresas da zona achega o mundo empresarial aos alumnos e permítelles desenvolver de forma práctica os coñecementos adquiridos nas aulas”.
Pie de foto: Andrés Fernández, conselleiro delegado de Zendal, durante a charla no IES Ribeira do Louro do Porriño (Pontevedra)