15 Nov Andrés Fernández: “Tecnoloxía e arraigamento, os dous grandes valores de Zendal”
14.11.2023. Andrés Fernández, conselleiro delegado de Zendal, recolleu hoxe o Premio Familia Empresaria 2023 polo compromiso da súa compañía biotecnolóxica coa investigación e coas súas raíces no Porriño (Pontevedra). “Os dous grandes valores en que podemos resumir a alma de Zendal son: tecnoloxía e arraigamento”, expuxo Fernández, quen dixo herdar do seu bisavó, o seu avó a cultura dunha empresa “que sirva aos demais, que sexamos útiles”.
Zendal é un grupo de preto de 600 profesionais, 80 millóns de euros en vendas en 60 países e cinco plantas de produción en España e Portugal, que está especializado na produción de vacinas humanas e animais, así como en probióticos e outros produtos biofarmacéuticos.
“Moitos poden pensar que a pandemia foi positiva para Zendal. Agora, co paso do tempo podemos dicir que nos empuxou, por decisión propia, a producir vacinas contra a Covid-19 e que nos axudou a acelerar a nosa estratexia. Pero a verdade é que lle demos a volta á compañía en moi pouco tempo e iso xerounos grandes tensións”, explicou o conselleirodelegado de Zendal. Andrés Fernández explicou que a pandemia tamén os problemas que xera ter a produción deslocalizada en China ou outros países afastados. “Nós, en todos os nosos plans estratéxicos, temos á capacidade industrial local como obxectivo. Tamén no noso último plan” subliñou Fernández.
O XVII Premio Familia Empresaria concedido pola Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) “é un premio á sagacidade, ao arraigamento e a valentía dun grupo empresarial familiar que soubo sobrevivir catro xeracións, sempre innovando e reinventándose e sempre con sede en Galicia”, segundo expuxo o presidente de Agef, José Bernardo Silveira. “As empresas familiares sodes a esencia de Galicia e a Administración necesita aliados como vós, que achegades confianza e estabilidade”, indicou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Na imaxe, Andrés Fernández no acto de entrega do Premio Familia Empresaria 2023. Punto GA | M.Riopa