Andrés Fernández (Zendal): “As empresas familiares aportan máis valor”

18 de febreiro de 2021. Andrés Fernández, conselleiro delegado de Grupo Zendal, salientou hoxe o papel das empresas familiares na economía e a sociedade. “As empresas familiares aportan moito máis valor á sociedade que as multinacionais ou as que teñen un consello de accionistas fragmentado. Aportan contorna, cultura e dan unha traxectoria empresarial moito máis longa e outro tipo de valores á sociedade. Non hai que descartar ás outras, pero si primar ás familiares”, defendeu.

O CEO de Zendal participou nun encontro do Fórum Familiar da Asociación Galega da Empresa Familiar, conducido por Carlota López Pardo, presidenta do Fórum, e a directora da asociación, Margarita Hermo. Fernández puxo en valor as características inherentes ás compañías familiares como factor diferencial e motor económico e de continuidade e destacou a visión a longo prazo, a aposta polo talento ou a cultura de empresa como valores do grupo.

O Grupo Zendal, conglomerado biofarmacéutico con sede no Porriño e única compañía autorizada para producir vacinas de uso en humanos dentro de España, vén de desenvolver a vacina de Novamax contra o coronavirus, que se encontra neste momento en fase de aprobación pola Axencia Europea do Medicamento e podería estar dispoñible en abril. O grupo conta tamén cun polo biotecnolóxico na localidade portuguesa de Paredes de Coura.