As empresas familiares abordan a reactivación coa Xunta

21 de setembro de 2020. A Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) abordou a importancia da reactivación do tecido produtivo cos membros da área económica do Goberno galego. A xuntanza desenvolveuse este luns, coa asistencia do vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Facenda, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Os responsables das empresas familiares galegas solicitaron a reunión para afondar nas necesidades de reactivación e dinamización da economía galega despois do impacto da crise do coronavirus.

Desde o inicio da crise da Covid-19, a asociación, que agrupa ás sesenta principais empresas familiares de Galicia, participou de xeito activo no fomento da reactivación económica, formando parte do comité de expertos económicos encargado de asesorar á Xunta de Galicia cando se iniciou a pandemia, un labor polo que o presidente de Agef, Víctor Nogueira, e os membros da xunta directiva recibiron o agradecemento do vicepresidente económico e da conselleira de Emprego.

“As empresas familiares somos a gran maioría do tecido empresarial galego e temos un papel decisivo na nosa economía. A Asociación Galega da Empresa Familiar seguirá a colaborar coas autoridades e con todos os sectores sociais para acadar entre todos a recuperación da riqueza e o emprego despois destes tempos tan difíciles”, sinalou Nogueira.

Os conselleiros destacaron a importancia da empresa familiar galega –que representa o 92,4% de toda a engrenaxe empresarial– no tecido produtivo de Galicia e salientaron como valores indispensables a súa aposta pola continuidade de xeración en xeración, a innovación e a cultura do reto permanente.

A reunión cos representantes de Economía e Emprego da Xunta de Galicia enmárcase na serie de encontros da Asociación Galega da Empresa Familiar cos principais líderes da política galega para compartir as preocupacións e inquedanzas que afectan ás empresas familiares da comunidade.