As empresas familiares analizan o valor da comunicación

31.01.2024. As empresas familiares galegas protagonizaron o primeiro Foro Dircom Galicia no que 200 empresarios, directivos e expertos en comunicación analizaron o valor da comunicación corporativa para mellorar o posicionamento das empresas.

“As empresas somos grandes pataformas para cambiar a sociedade”, subliñou Carmen Lence, presidenta executiva do grupo Lence (Leite Río). Lence considera fundamental que “o cliente ten que percibir que a marca é algo máis que un paquete bonito” e que está asociada a uns valores e reputación empresarial que é necesario contar á sociedade.

Seis empresarias e directoras de comunicación de importantes empresas familiares galegas participaron nas ponencias e debates celebrados no Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, baixo a organización da Asociación de Directivos de Comunicación (Dircom) en Galicia.

“Temos unha nova xeración de novos líderes que sí entenden o valor da comunicación e queren formarse e contar qué son e que fan as súas empresas e profesionalizar a súa comunicación corporativa. Este é un salto importante, pois é un rasgo común a discreción das empresas familiares”, explicou Margarita Hermo, directora da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef).

“A sociedade e as empresas somos agora conscientes de que non só é ser, senón tamén parecer. A comunicación con todos os públicos é fundamental para unha compañía”, indicou Beatriz Mato, directora de Desenvolvemento Corporativo e Sostibilidade da compañía eólica Greenalia.

A xornada foi inaugurada pola presidenta de Dircom Galicia, Tesa Díaz-Faes, e contou coa participación de responsables de comunicación de empresas como Nauterra (antes grupo Calvo), Zendal, El Pulpo, Inditex, Greenalia ou Lence.

“A comunicación aporta valor e agora todo ten que ir alineado: non só vendes un producto, agora iso asóciase cos valores e a reputación da empresa”, indicou a directora de Agef.

Imaxe: De esquerda a dereita, Iván Pino (Llorente y Cuenca), Margarita Hermo (Agef), Beatriz Díaz (Zendal) e Patricia Forteza (Quirón Salud Galicia). FOTO: Punto GA | M. Riopa