As empresas familiares de Galicia avogan por manter a actividade

16 de marzo de 2020. A Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) avoga por que as empresas de propiedade familiar de Galicia –o 92% do tecido empresarial da comunidade– poidan desenvolver a súa actividade laboral na medida do posible e en condicións de seguridade durante o estado de alarma fronte ao coronavirus, sempre baixo o cumprimento dos dictames e recomendacións do Goberno de España, para que a economía galega se manteña activa máis alá dos servizos básicos e se garanta o mantemento dos postos de traballo.

A asociación apoia o fomento de iniciativas como o teletraballo naquelas empresas e departamentos nos que sexa posible e a posta en marcha de todas as medidas preventivas e protocolos de seguridade, saúde e hixiene que poidan contribuír á protección dos traballadores, como é o caso do establecemento de turnos ou o reforzo da limpeza nos postos profesionais, así como da conciliación.

Agef solicita ás autoridades que apliquen as solucións laborais e fiscais que sexan necesarias para garantir ao máximo o emprego en Galicia e evitar que moitos negocios, autónomos e empresas se vexan abocados a tomar medidas que non desexan.

En liña co Instituto da Empresa Familiar (IEF), a Asociación Galega da Empresa Familiar adhírese ao comunicado emitido pola Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e Cepyme para o cumprimento das medidas postas en marcha polas autoridades diante do estado de alarma; e únese á petición de solucións urxentes para garantir que todos os traballadores poidan volver aos seus postos profesionais unha vez finalizada a situación de emerxencia sanitaria, así como para abordar a complicada situación económica derivada da crise do coronavirus.

A asociación súmase ao agradecemento a toda a sociedade, persoal sanitario e de servizos esenciais, forzas e corpos de seguridade do Estado e demais actores polo traballo imprescindible que están a desenvolver nesta crise, e subliña o convencimento do IEF de que sairemos desta situación remando xuntos.