As empresas familiares galegas apostan polo investimento social

22 de maio 2024. A Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) salientou hoxe o compromiso co investimento social das pequenas, medianas e grandes compañías en Galicia. Durante a asemblea anual as empresas asociadas expuxeron o importante impacto positivo dos mecenados, patrocinios e apoios a entidades sociais, deportivas e culturais que xeran os máis de 100 millóns de euros anuais investidos polas empresas galegas.

O presidente de Agef, José Bernardo Silveira, xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, clausuraron este mediodía a XXIV Asemblea Xeral de Socios da Asociación Galega da Empresa Familiar. Silveira destacou a importancia de acelerar a aprobación da alta velocidade ferroviaria entre A Coruña e Lisboa, como factor clave para “a competitividade e a retención e atracción de talento”. Rueda pediulles aos empresarios que sigan investindo e medrando: “Se vostedes medran, medraremos todos e medra Galicia”.

No seu discurso de clausura, o presidente de Agef salientou o papel das empresas familiares galegas co emprego. Silveira lembrou que “xeramos 51.000 empregos máis dos que tiñamos en 2019, antes da crise do coronavirus, e fixémolo con case 2.200 empresas menos, xa que aínda non conseguimos recuperar de todo o tecido pre-pandemia”. Silveira destacou que “o comportamento das nosas empresas familiares co emprego foi excelente”.

Récord de internacionalización
O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar expuxo que Galicia é unha das autonomías españolas que xera maior superávit en comercio internacional, con 9.138 millóns de excedente en 2023 e 30.000 millóns de euros en vendas internacionais. Silveira explicou que o pequeno tamaño do mercado galego incentivou a internacionalización das empresas familiares, “e debemos seguir prosperando por esa vía”. Segundo un estudo elaborado pola propia Agef, nos últimos 25 anos o investimento internacional das empresas galegas multiplica por 20 as inversións estranxeiras en Galicia.

O empresario indicou, como factor clave para a competitividade, a unión por alta velocidade do eixo A Coruña-Lisboa e a mellora do AVE con Madrid a Vigo e Lugo. “As infraestruturas son un factor decisivo para reter e atraer talento”, sinalou o presidente de Agef.

A asemblea reuniu en Santiago de Compostela aos propietarios e directivos de 60 das principais compañías con sede en Galicia. O director de Banca Corporativa, Empresas e Pemes de Abanca, Víctor Casal, principal patrocinador de Agef, expuxo o compromiso da súa entidade co desenvolvemento empresarial das empresas galegas.

As empresas familiares representan o 92,4% do tecido empresarial galego e aportan o 85% do valor engadido bruto (VAB) empresarial, e o 86,3% do emprego.

Na imaxe, M.J.Lorenzana (Xunta), J.B.Silveira (Agef), Alfonso Rueda (Xunta) y Victor Casal (Abanca).      FOTO: Punto GA | M.Riopa