13 Xul As empresas familiares galegas únense a #DamosLaCara para recuperar a economía
13 de xullo de 2020. A Asociación Galega da Empresa Familiar súmase ás máis de 1.400 empresas familiares de toda España na campaña #DamosLaCara, unha iniciativa de 1,4 millóns de persoas, entre empresarios e traballadores, para mostrar o seu compromiso coa recuperación da economía e superar a crise económica e sanitaria, da que tamén forman parte ol Instituto de Empresa Familiar (IEF) e as 18 asociacións territoriais.
“As empresas familiares comprometémonos con toda a sociedade, porque para nós, os nosos traballadores e as súas familias son o foco primordial, para non deixar a ninguén atrás nesta crise. Somos clave na recuperación económica e resistimos mellor as crises, mantendo o foco no máis importante, que son as persoas que forman parte dos nosos equipos”, sinala o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, que no marco da crise económica e sanitaria integrou o comité de expertos económicos da Xunta de Galicia para asesorar o executivo autonómico e deseñar medidas para a recuperación.
#DamosLaCara, nacido ao inicio da crise provocada pola Covid-19, é un movemento cidadán, social e non partidista que xurdiu a partir da iniciativa de varias asociacións territoriais da empresa familiar para dar visibilidade ao labor das súas empresas asociadas no marco da crise sanitaria iniciada en marzo, unha característica intrínseca ás compañías de propiedade familiar polo seu arraigamento á terra e a súa vocación de motor económico. Empresas familiares galegas como Congalsa, Espina y Delfín e Leche Río veñen de adherirse á iniciativa. Durante a crise do coronavirus, as empresas familiares galegas apostaron por manter a súa actividade, abastecendo a cidadanía de servizos esenciais, e impulsaron diversas iniciativas de compromiso social.
As empresas familiares son o 89% d0 tecido empresarial en toda España e o 92,4% en Galicia, onde representan o 86,3% do emprego privado e o 85% do valor engadido bruto empresarial da comunidade, cun investimento social anual en Galicia de 98 millóns de euros.