09 Mai As empresas familiares, impulsoras do mecenado O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, participou nas V Xornadas de Fundraising e Mecenado do Consello Social da Universidade de Vigo
9 de maio de 2019. O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), Víctor Nogueira, participou hoxe nas V Xornadas de Fundraising e Mecenado do Consello Social da Universidade de Vigo cunha poñencia sobre A incidencia e a disposición da empresa familiar cara o mecenado: efecto sede e inversión social. Nogueira salientou o feito de que as empresas familiares galegas dedican á inversión social 98 millóns de euros anuais, case o dobre do investido polo Fondo Social Europeo en Galicia en 2019, tal como indica un estudo de AGEF.
“O efecto sede das empresas familiares galegas, que representan máis do 90% do noso tecido empresarial, ten unha enorme importancia na nosa economía, tanto na xeración de emprego e riqueza como no impulso do mecenado e a inversión social en asociacións, oenegués e actividades culturais e deportivas do noso entorno”, sinalou Nogueira.
Tras explicar que o 90% dos empresarios familiares practican a inversión social por un compromiso co seu entorno e o seu territorio, fronte o 8% que afirma facelo por motivos fiscais, o presidente de AGEF puxo o acento na necesidade dunha lexislación fiscal máis favorable á inversión social, “menos recaudatoria e máis xeradora de riqueza”, cunha actualización da Ley de Mecenazgo na que se inclúa unha maior redución da base impoñible. “Precisamos unha lexislación máis sinxela e clara que impulse aínda máis o mecenado e que realmente o incentive, de xeito que non quede á vontade do empresario co seu entorno social”, indicou.
No acto, o presidente de AGEF, que foi introducido polo presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, subliñou tamén a importancia dos foros e cátedras da empresa familiar en Galicia, que describiu como “un grande apoio para os empresarios familiares”.