17 Set As empresas familiares protexen o emprego
17 de setembro de 2020. Oito de cada dez empresas de todo o mundo veñen de aplicar medidas de apoio aos empregados afectados pola pandemia da Covid-19, e a maioría das empresas familiares reforzaron as súas políticas sociais, especialmente cara o seu persoal, desde o estalido da crise sanitaria. Unha recente enquisa de Credit Suisse apunta que as compañías de propiedade familiar realizan unha maior aposta por protexer os postos de traballo, con menos tendencia a aplicar medidas de regulación de emprego (o 46%) que as non familiares (o 55%). De feito, o 26% das entidades familiares utilizaron fondos propios para manter o emprego, fronte ao 19% das non familiares.
Malia que preto do 80% das compañías familiares enquisadas víronse afectadas negativamente pola pandemia e de que só o 40% das compañías de propiedade familiar agardan que os ingresos e a rendibilidade volvan aos niveis anteriores ao coronavirus en 12 meses, a conservación dos postos de traballo é, xunto coa innovación, o seu principal desafío nos vindeiros cinco anos, sendo a crise sanitaria o seu segundo maior reto.
A modalidade do emprego é tamén outra cuestión na que as empresas familiares apostan en maior medida por manter o traballo a tempo completo: menos da metade cren probable ou moi probable un cambio cara o traballo temporal ou flexible pasada a Covid-19, fronte a máis do 60% das compañías non familiares.
A previsión de crecemento para este ano é inferior ao 5% para o 49% das compañías familiares (máis do dobre de empresas que o ano pasado), pero a expectativa de incremento de ingresos para os vindeiros 3-5 anos é do 10% ao 20% para o 37% destas empresas, fronte ao 35% das non familiares.
A percepción de Credit Suisse diante dun momento de inestabilidade económica é que as empresas familiares teñen tendencia a xerar seguridade e a reestruturar as operacións existentes, en contraste coa tendencia das non familiares á desinversión.
A enquisa incluida no informe de Credit Suisse foi realizada a 1.061 compañías familiares de todo o mundo que cotizan en bolsa, o 24% europeas, e a base de datos inclúe desde compañías con poucos anos de existencia a empresas centenarias.