23 Xul As empresas galegas afrontan a recuperación
23 de xullo de 2020. A XX Asemblea Anual de Socios da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) acolleu hoxe en Santiago de Compostela a mesa redonda “Desescalando a economía: perspectivas de futuro”, da man do conselleiro delegado do Grupo Pérez Rumbao, Joaquín Pérez Bellido, o presidente do consello de administración da compañía portuguesa Luís Simões, José Luís Simões, e do presidente da navieira valenciana Baleària, Adolfo Utor; que abordaron a necesidade dunha nova fiscalidade máis favorable, da aposta pola dixitalización e o talento para adaptarse aos novos retos e dun marco lexislativo común en todo o país como medidas de recuperación e impulso económico das empresas familiares tras o impacto da Covid-19.
O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, salientou a capacidade de Galicia para liderar a recuperación da economía. “Galicia pode estar á cabeza da recuperación e ser punto de referencia. É o momento de ser valentes e apostar pola creación de riqueza e a atracción do empresario e a inversión”, sinalou, e fixo fincapé no impulso de medidas como “a eficacia no gasto e no investimento, que a liquidez chegue ás empresas e aos autónomos, incentivar medidas que axuden á contratación e apoiar ás empresas con mecanismos fiscais e económicos para que os empresarios poidan manter as empresas viables e promover novas iniciativas”.
O vixésimo encontro dos socios de Agef, que agrupa a preto de 60 das principais compañías de propiedade familiar de Galicia, contou coa intervención do conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que salientaron a relevancia das empresas familiares galegas como motor de recuperación económica.