As empresas galegas despiden a Jesús Alonso

27.05.2022. “Na miña vida, fun unha persoa con sorte. Xa llo anunciou o médico á miña nai cando nacín”, lembraba Jesús Alonso. O empresario faleceu aos seus 92 anos e a Asociación Galega da Empresa Familiar quere homenaxear o seu legado. Alonso é un emblema para as empresas que viven aquí, un emprendedor que conseguiu levar o seu nome por todo o mundo.

O empresario iniciouse nos negocios en 1954 coa téxtil Jealfer, acrónimo de Jesús Alonso Fernández, que na actualidade dirixe a súa filla, Puri Alonso. En 1958, Alonso creou a conserveira Jealsa con sede en Boiro (A Coruña), un dos buques insignia do sector en Galicia. A compañía, presidida na actualidade polo seu fillo Jesús Alonso Escurís, facturou o ano 2021 máis de 700 millóns de euros.

Alonso poñía en primeiro plano á súa familia. “Xa case non collemos no comedor. 5 fillos e 11 netos”, adoitaba dicir cun amplo sorriso cando falaba deses xantares familiares. Os seus fillos eran para el o seu maior legado.

Jesús Alonso foi alcalde de Boiro no ano 1995, na súa terra natal, durante dous mandatos. A paixón polo seu pobo e o agarimo polas persoas que o rodeaban empuxárono a presentarse á alcaldía cando chegou á idade da xubilación.

A Asociación Galega da Empresa Familiar envía as súas condolencias e o seu agradecemento á súa familia empresaria, especialmente á súa muller, Pura Escurís, e aos seus fillos Jesús Manuel, Juan Luís, Javier e Miguel, ademais de todos os seus netos e netas; tamén á enorme familia de profesionais, provedores e clientes do seu grupo.