10 Mar “As mulleres sempre foron as conselleiras do emprendemento”
10 de marzo de 2021. “Malia que o emprendemento estivo tradicionalmente protagonizado por homes, as mulleres sempre foron as conselleiras deste emprendemento”, sinalou a directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Margarita Hermo, durante a súa participación nun coloquio sobre emprendemento feminino organizado polo Instituto Galego do Talento (Igata), onde puxo en valor o espírito emprendedor das empresas familiares. “Emprender non é doado, sexas home ou muller, pero na empresa familiar é máis sinxelo porque é un modelo que xorde dun emprendemento”, engadiu.
En Galicia, o emprendemento actual é maioritariamente feminino. Cun índice TEA do 6,81% fronte ao 3,71% no caso dos homes, supera en case un punto o índice de emprendemento das mulleres a nivel estatal, tanto en iniciativas incipientes como consolidadas. Nas empresas familiares, esta dinámica, en aumento desde 2016, non só non é unha excepción, senón que as mulleres estiveron sempre tras o emprendemento galego, aínda que o seu nome non fose coñecido. “Gústame contar o caso de María Dolores Pumpido, de Grupo Calvo, que desde os inicios da empresa era, na práctica, a directora de I+D+i: ela preparaba as salsas e elaboraba os produtos da conserveira”, relatou Hermo.
A directora da Asociación Galega da Empresa Familiar puxo tamén o foco na necesidade de avanzar na igualdade de liderado. “Hoxe en día cada vez son máis as mulleres que lideran compañías familiares –Carmen Lence (Leche Río), Carlota López Pardo (Aresa), Raquel Cortizo (Grupo Cortizo)–, pero non foron as fundadoras porque esa non era a tónica xeral dos primeiros annos. Esta tendencia estase invertindo, aínda que non coa suficiente axilidade”, valorou Margarita Hermo, quen puxo o acento na necesidade de impulsar a visibilidade das mulleres no entorno empresarial, aumentar a inversión risco en proxectos liderados por mulleres ou incentivar a aposta feminina polo emprendemento e as carreiras tecnolóxicas desde a educación como ferramentas para seguir avanzando en igualdade e emprendemento feminino.
Margarita Hermo compartiou mesa redonda con Susana Pérez, presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia, e Lidia Enrich, vicepresidenta da asociación Executivas de Galicia, moderada por Sonia Pazos, responsable de Alianzas en Igata.