De esquerda a dereita: o director de zona noroeste de APD, Santiago Sesto; o presidente de AGEF, Emilio Pérez Nieto; o director do Igape, Juan Cividanes; e o director de Banca Empresas de Caixabank, Emilio Barreiro.

Trabas fiscais e administrativas frean a competividade empresarial XORNADA / Claves da competitividade empresarial

9.05.2017

As empresas pequenas, que forman a maioría do tecido do país, teñen grandes dificultades para gañar en competitividade polas dificultades administrativas e fiscais cando se trata de medrar.

Os participantes nas xornadas sobre competitividade empresarial, celebradas en Santiago a instancias da Asociación para el Progreso de la Dirección Galega en colaboración coa Asociación Galega da Empresa Familiar e Caixabank, coincidiron en reclamar do goberno nacional cambios nos umbrais normativos actuais que frean a expansión empresarial.

Hai que ter en conta que, como sinalou Emilio Pérez Nieto, presidente de AGEF, “o 99% do tecido empresarial son pequenas compañías” que atopan moitos obstáculos para a súa expansión. Tamén insistiu neste aspecto Javier Vega Seoane, presidente do Círculo de Empresarios, que afirmou que o incremento da fiscalidade cando unha compañía excede os 6 millóns euros de facturación fai que “algunhas empresas prefiran non medrar máis”. Neste caso atópanse tamén as empresas de 50 empregados que afrontan grandes dificultades administrativas cando superan ese nivel.

O encontro celebrado o 6 de maio foi inaugurado por Juan Manuel Cividanes, director xeral do IGAPE quen destacou que a competitividade depende tamén doutros factores determinantes como a incorporación da tecnoloxía e a mellora das capacidades do capital humano. Na xornada participaron con distintas poñencias Josep Mestres Domenech, do Servizo de estudos de Caixabank; Daniel Fraga, de KPMG Galicia; e José Luis Portela, da IE Business School – Servitalent.

A Asociación Galega da Empresa Familiar está integrada no Instituto da Empresa Familiar e reúne a 55 compañías galegas que facturan 9.300 millóns de euros e dan emprego directo a 49.000 persoas.