Babé e Cia mostra a estudantes de Vigo a súa traxectoria como empresa familiar na distribución de produtos petrolíferos

28 de febreiro de 2025.– Mais de 50 alumnos de 4º de ESO asistiron a unha charla impartida por Yago González-Babé, responsable de desenvolvemento de negocio de Babé Loxística, no CPR Plurilingüe Alba, de Vigo, no marco do programa educativo “Empresa Familiar nas Aulas”, que impulsan AGEF e Afundación, para inspirar o emprendemento e trasladar os valores e a importancia das empresas familiares ás novas xeracións.

Durante a charla, o alumnado descubriu a traxectoria do grupo Babé e Cia, unha das compañías máis antigas de España e de Galicia, con 138 anos ininterrompidos de actividade no sector da logística e o transporte de combustibles. Fundada en 1887 por Evaristo Babé na Coruña, o grupo trasladouse apenas un ano despois a Vigo, onde puxo en marcha a primeira refinería de Galicia -unha das primeiras do país- e o primeiro petroleiro español, centrado na importación de combustible de Estados Unidos para a iluminación das rúas. Coa monopolización do refinado de petróleo, Babé e Cia evoluciona o seu negocio á distribución de hidrocarburos para Campsa e se reinventa de novo como transportista para distintos clientes coa entrada de España na Unión Europea e a liberalización do sector.

Coa chegada da quinta xeración familiar, a compañía diversifica e amplía a súa actividade desde a distribución de gasóleos, gasolinas e outros derivados do petróleo, ao transporte de asfalto, betumes, granito, contedores e outros materiais, converténdose nunha das principais empresas transportistas de produtos petrolíferos do norte de España e Portugal.

A charla complementouse cunha visita do alumnado vigués ás instalacións de Babé e Cia, realizada o pasado 10 de febreiro, para coñecer de preto a actividade desta empresa familiar da súa contorna na loxística e distribución de combustibles. Recibidos pola directora xeral, Cristina González-Babé, os estudantes fixeron un percorrido guiados por distintos responsables da compañía.

Pé de foto: Instantánea da visita ás instalacións de Babé y Cia