16 Feb Babé mostra a loxística e o transporte de hidrocarburos a estudantes de Vigo, desde a perspectiva dun grupo familiar
16 de febreiro de 2026.– Máis de 50 alumnos de ESO asistiron o pasado 10 de febreiro a unha charla impartida por Yago González-Babé, responsable de desenvolvemento de negocio de Babé Logística, no Colexio Plurilingüe Alborada, de Vigo, enmarcada no programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, que impulsamos en colaboración con Afundación.
O alumnado tivo a oportunidade de aprender que é unha empresa familiar e a súa relevancia na economía e sociedade galega, ademais de ampliar os contidos teóricos de empresa e economía, vistos en clase, cun exemplo de empresa real da súa contorna, con actividade no sector da loxística e o transporte de combustibles. Ao día seguinte, os estudantes realizaron unha visita guiada polas instalacións da compañía.
Fundada en 1888 por Evaristo Babé, o grupo puxo en marcha a primeira refinería de Galicia e o primeiro petroleiro español. Co paso dos anos e coa quinta xeración familiar á fronte da compañía, Babé y Cia diversifica e amplía a súa actividade desde a distribución de gasóleos, gasolinas e outros derivados do petróleo, ao transporte de asfalto, betumes, granito, contedores e outros materiais, converténdose nunha das principais empresas transportistas de produtos petrolíferos do norte de España e Portugal.



