Bartolomé Pidal: “Grupo Nortempo conecta persoas e empresas”

11 de abril 2024. O alumnado de 1º e 2º de bacharelato do IES María Casares (Oleiros) contaron coa presenza de Bartolomeu Pidal, presidente de Grupo Nortempo, como parte do programa educativo Empresa familiar nas aulas. O empresario compartiu os seus coñecementos con 50 estudantes, destacando a importancia do propósito e os valores na compañía. “A nosa misión ao longo de todos estes anos foi conectar persoas e empresas para o desenvolvemento do talento e a produtividade. O capital humano, as persoas, somos o valor máis importante na xestión de recursos humanos” explica o presidente de Grupo Nortempo.

Acompañando ao empresario durante a charla no centro educativo, estivo Elena Murillo, responsable de Márketing e Comunicación da compañía. A directiva animou aos e as estudantes para considerar o emprendemento como unha opción profesional válida, resaltando o papel fundamental das empresas familiares galegas na construción e impulso da economía da nosa comunidade autónoma.

Grupo Nortempo conta con 33 anos de experiencia en recursos humanos. A empresa familiar galega emprega a 400 profesionais e opera en máis de 50 oficinas distribuídas en seis países. A compañía traballa para máis de 5.000 clientes e factura 150 millóns de euros.

Durante a visita ás oficinas centrais do Grupo Nortempo na Coruña, os estudantes tiveron a oportunidade de percorrer departamento por departamento, coñecendo as súas funcións e obxectivos. Os alumnos participaron nunha dinámica de grupo que simulaba un proceso de selección de persoal, ofrecendo así unha experiencia práctica e enriquecedora.

Empresa familiar nas aulas, organizado por Afundación Obra Social ABANCA e a Asociación Galega da Empresa Familiar, atópase na súa cuarta edición e reuniu a máis de 900 escolares de toda Galicia. Centros educativos como o IES María Casares (Oleiros) teñen a oportunidade de interactuar directamente con destacadas empresas familiares da comunidade. O proxecto ofrece talleres sobre economía circular, onde os estudantes desenvolven propostas de produtos ou empresas a partir de materiais reciclados.

 

Imaxe: Alumnos do IES María Casares (Oleiros) durante a charla de Bartolomeu Pidal. FOTO: CEDIDA