17 Abr Beatriz Castelar: “a sucesión é un problema de organización empresarial” A avogada e conselleira interviu nun acto da Asociación no Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo
17.04.18
Tras dúas décadas de experiencia no traballo de apoio xurídico ás empresas familiares, Beatriz Castelas, avogada e conselleira do bufete Barrilero y Asociados, conclúe que “os problemas da sucesión nas empresas familiares deben ser abordados desde unha perspectiva global de organización empresarial”.
Durante a súa intervención nunha xornada de traballo organizada pola Asociación Galega da Empresa Familiar e o Círculo de Empresarios de Galicia no Club Financeiro de Vigo, a experta explicou que “o esencial na empresa familiar é a formación, non só académica, senón sobre todo do coñecemento e o criterio para entender, valorar e xestionar a realidade dunha empresa”.
Na opinión de Beatriz Castelar, nas empresas familiares non abonda coa captación de talento e o esforzo de profesionalización se a cultura empresarial e familiar non responde ás novas esixencias e non é quen de retelo. A poñente apostou por reconsiderar e afondar en aspectos da cultura empresarial familiar, desde os protocolos máis esixentes aos órganos de participación, pero desenvolvendo á vez unha auténtica política de ordenación económica con instrumentos capaces de satisfacer ao conxunto da propiedade familiar”.
Margarita Hermo. directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, sinalou na presentación do acto que as empresas que viven aquí, cun 94% do tecido produtivo e un 87% do emprego privado, son un “ben social” cuxa continuidade debe defenderse en articulación cos diferentes axentes que interveñen no seu desenvolvemento, incluída tamén a Administración.