Cafés Candelas abre a quinta edición do programa “Empresa Familiar nas Aulas”, que promoven AGEF e Afundación

10 de xaneiro de 2025. A torrefactora lucense Cafés Candelas inaugurou hoxe, cunha charla do seu xerente, Ramón Alonso, no IES Xoán Montes de Lugo, a quinta edición do programa educativo “Empresa Familiar nas Aulas”, que impulsan a Asociación Galega de Empresas Familiares (AGEF) e Afundación.

Está previsto, ademais, que o alumnado deste instituto lucense realice unha visita guiada o próximo 14 de xaneiro ás instalacións de Cafés Candelas no Polígono Industrial de Ou Ceao de Lugo.

Máis de mil alumnos de 22 institutos e 23 empresas familiares

A iniciativa “Empresa Familiar nas Aulas” persegue inspirar vocacións emprendedoras e novos horizontes laborais entre os estudantes mediante a realización de actividades, charlas, visitas a empresas e coa convocatoria do concurso “Emprender é soñar, apúntasche?”.

Nesta quinta edición participarán máis de mil alumnos de ESO, Bacharelato e FP de 22 centros educativos das catro provincias galegas, que se unirán aos 2.763 alumnos de 32 institutos que formaron parte desta experiencia desde a súa posta en marcha en 2021.

Así mesmo, directivos de 23 das empresas familiares máis destacadas de Galicia (Aceites Abril, Altia, Aluminios Cortizo, Babé e Cia, Cafés Candeas, Congalsa, Espiña e Delfín, Galuresa, Grupo Aresa, Grupo Freire, Grupo Lence, Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Grupo Revi, Grupo Zendal, Inasus, Jealsa, Lodiel, Nauterra, Nortempo, Severiano Servizo Móbil, Terras Gauda e Torre de Núñez) serán os encargados de sensibilizar á poboación escolar sobre a importancia das empresas familiares e de promover os seus valores e o emprendemento.

“En AGEF sentímonos moi orgullosos do programa Empresa Familiar nas Aulas, que nos permite seguir mostrando a realidade das empresas familiares galegas aos estudantes. O noso obxectivo é enriquecer a súa formación para crear futuros talentos e inspirar novas vocacións profesionais baseadas no emprendemento”, sinalou José Bernardo Silveira, presidente de AGEF.

Pedro Otero, director xerente de Afundación, subliñou o valor dun programa que “se integra nas accións educativas de Afundación, orientadas a facilitar un achegamento ao ámbito empresarial desde idades temperás. Deste xeito, foméntase unha comprensión máis profunda da contorna laboral que atoparán no futuro e enriquécese a súa aprendizaxe sobre a realidade empresarial”.

Para María Beatriz López Soto, profesora de Economía de ESO no IES Xoán Montes, este programa educativo “permítenos coñecer a historia e a actualidade das empresas familiares emblemáticas de Lugo e da nosa contorna, a esencia dos seus valores e a súa traxectoria. É ademais un gran incentivo para os estudantes, que poden relacionar os conceptos vistos en clase coa realidade empresarial”.

Pé de foto: Ramón Alonso, xerente de Cafés Candelas, durante a súa charla no IES Xoán Montes de Lugo